- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra asegurou hoxe Marín que é preciso tomar as rendas do sector para “non vendelo en anacos e a prezo de saldo” como fixo o PP
- O nacionalista destacou que o ‘efecto Pontón’ fai que o BNG estea nunha “auténtica remontada”
O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, avogou hoxe en Marín por elaborar un Plan de impulso industrial para Galiza para, entre outros ámbitos, potencie o noso sector naval. O nacionalista manifestou a necesidade de que o país sexa punteiro e criticou que os gobernos do PP vendesen o sector “en anacos” e “a prezo de saldo”.
Bará puxo como exemplo de boa xestión o asteleiro de Nodosa, situado en Marín, pola súa aposta pola innovación e a diversificación de produtos despois dunha situación económica crítica. “Con inversión en innovación e a aposta polo noso talento, Galiza é capaz de ser competitiva no mercado. Os mellores técnicos do mundo no naval, que son galegos, están a ser contratados en Holanda, en Noruega... porque aquí non atopan traballo. Temos que ser máis produtivos e facer que toda esa xente teña traballo na súa terra”, dixo. Así mesmo, preguntouse a onde foron as promesas de Feijóo nas anteriores eleccións galegas de 2012 “de construir en Galiza barcos e máis barcos para Pemex”, xa que agora a petroleira está en situación de debacle.
“É fundamental un plan específico de apoio ao sector que garanta un soporte financieiro e dotar de carga aos asteleiros, ademais de superar o ‘monocultivo’ militar en algúns deles”, subliñou.
Por outra banda, Bará tamén destacou en Marín que o BNG será a garantía de que haberá un goberno alternativo ao de Feijóo. “Os votos ao BNG garanten que o PP non terá maioría absoluta. Nós somos un produto 100% galego e a nosa razón de ser é a defensa dos intereses de Galiza. O noso traballo e o noso compromiso son para co país. Somos un produto galego de calidade”, salientou.
O cabeza de lista por Pontevedra tivo palabras para a candidata do BNG á Xunta de Galiza, Ana Pontón, de quen dixo “ten valía, brillantez, capacidade e talento, ademais de facer as cousas por amor ao seu pobo”, por iso, subliñou, “estase a producir o ‘efecto Pontón’, ao que eu engadiría tamén o ‘efecto Pontón’ de ver a situación de Galiza con máis humanidade que o Goberno sen alma do PP”, destacou.
“Hai xente que lle quere a este país e a eses eu pediríalles o voto para o BNG, porque cada vez estase a ver máis simpatía a Ana Pontón, máis simpatía ao BNG, porque estamos nun momento de auténtica remontada para defender os intereses deste país e temos demostrado que nos gobernos nos que estamos sabemos facer as cousas”, dixo.
Así mesmo, Bará, responsable de diversos traballos de memoria histórica por todo o país non quixo deixar hoxe pasar a oportunidade de lembrar ás vítimas da represión franquista en Marín. Asegurou que lle gustaría ter estado na homenaxe que se estaba a desenvolver a un tempo que o mitin no Pozo da Revolta de Seixo, e louvou en especial a historia de Carmen Pesqueira Domínguez, ‘A Capirota’,
Tamén participou no mitin de Marín a candidata Silvia Carballo, quen subliñou a necesidade de realizar un traballo de goberno que teña aplique políticas transversais en canto á violencia de xénero e de defensa dos intereses das mulleres, tal e como aposta o BNG. A concelleira Pilar Blanco, pola súa banda, fixo un recordatorio de varios equipamentos dependentes da Xunta en Marín, e criticou a inauguración estes días de época electoral do centro de saúde, do que dixo, “tería que estar aberto dende hai moitos anos”. Así mesmo, Blanco tamén lembrou que, debido ás políticas do Partido Popular, Marín non dispón dunha ambulancia que preste servizo 24 horas, ou que os vellos da residencia teñen problemas de alimentación e teñen medo a represalias, “por iso non o denuncian”. “Estas son as cousas que hai que cambiar”, subliñou.