O deputado do BNG, Luís Bará acusou á Xunta de “beneficiar” aos concellos gobernados polo Partido popular con convenios para obras do Plan HURBE. De 62 contratos, afirmou, “61 foron asinados con concellos do Partido popular” co financiamento de obras por 13 Millóns de euros nestes concellos.
O nacionalista interpelou á conselleira de Territorio, Medio Ambiente e Vivenda, Ánxeles Vázquez ante a información publicada no portal de contratos durante os anos 2021 e 2022 asinados pola propia consellería con concellos, “maioritariamente gobernados polo Partido popular”.
Tras relatar a lista de contratos, o deputado ironizou e propuxo cambiar o nome ao Plan HURBE polo de “Plan Urde” xa que o Partido popular dedica este plan con fondos públicos para financiar aos concellos populares. O Plan HURBE, explicou ten como obxectivo mellorar con obras necesarias para mellorar a vida da cidadanía e a consellería de Medio Ambiente ten “a medalla de ouro” no reparto de fondos públicos, financiando 360 actuacións con 155 millóns de euros, practica que tamén estendeu as consellerías de Infraestruturas, Cultura, Medio Rural...
Para o deputado, este proceder é “sectario, partidista, escandaloso ” e discrimina aos concellos que no están gobernados polo Partido popular. Tras nomear diferentes convenios e partidas económicas referiuse á “propaganda” que ilustrou cunha visita do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda ao concello de Mos para inaugurar unhas obras financiadas pola Xunta incluídas no Plan HURBE por valor de 390 mil euros. Neste acto, Rueda declarou que o Plan HURBE é un claro exemplo de colaboración entre as administración, pero en opinión do nacionalista faltoulle rematar a frase coas “administracións do Partido popular”.
Auditorios, piscinas, derrubo de edificios, melloras do bordo de praias e rúas, mobiliario urbano, acondicionamento de núcleos, reforma de prazas e bibliotecas, humanización de contornas e espazos públicos, rehabilitación de prazas de abastos, etc son algunhas das obras realizadas,a través do Plan HURBE nos concellos de Arbo, Toén, Boborás, Crecente, Cervo, Vilariño de Conxo, Porto do Son, Montederramo, Outeiro de Rei, Bande, Frades, Os Blancos, Viana do Bolo, Larouco...acompañadas de altas partidas económicas. Está dixo, e unha lista parcial de obras concertadas pola Xunta a través do HURBE pero todos os concellos nos que foron realizadas, “teñen alcaldías do Partido popular”. Vostedes, recalcou o parlamentario, están facendo un “abuso” que dende o BNG seguiremos denunciando dentro e fóra do Parlamento galego.
Un uso dos fondos públicos, reiterou “discrecional” e volveu a afirmar que dende setembro do ano 2020 publicaron 62 convenios no rexistro de contratos dos cales “61 foron asinados en concellos gobernados polo Partido popular”.
No ano 2021, engadiu o deputado, o Partido popular “maquillou as cifras” e do orzamento total de 7,4 M€, unha pequena parte, 1,3 millóns de euros destinárona para convocatoria pública para concellos de menos de 20.000 habitantes e 6,1 M€ para dar “a dedo” aos concellos do Partido popular. No 2002, de sete millóns de euros, seis tamén “a dedo” para concellos gobernados polo PP .Para 2023 ano electoral e con 8,6 millóns de euros moito nos tememos que continúen “co festín partidista de reparto de fondos públicos”.
O democrático, incidiu o nacionalista é que todos os concellos poidan acceder en igualdade para financiar obras en urbanismo e vostedes están facendo “malversación moral dos cartos públicos”.
Tras a intervención da conselleira, Ánxeles Vázquez, o deputado do BNG acusouna de “escapista” e non recoñecer que o Plan HURBE continúa sendo utilizado polo Partido popular para beneficiar aos concellos gobernados polo PP. Onde gobernan outras forzas políticas, afirmou, “os concellos non se poden beneficiar das axudas”.
Finalmente, o deputado propuxo a aprobación dunha lei que blinde un “reparto xusto, transparente e de maneira igualitaria ” de recursos públicos” e mentres non se aprobe “deixen de discriminar a concellos que non son do Partido popular”, proposta sobre a que a conselleira declinou pronunciarse.