parlamento galego

Luis Bará acusa ao PP de utilizar a Lei de Acompañamento de forma “torticeira e autoritaria” para favorecer ás grandes empresas

Luís Bará
Luís Bará

O deputado promete que o BNG non vai utilizar este recurso para aprobar leis pola porta da atrás e “sen as máis elementais garantías democráticas”

O deputado do BNG Luís Bará acusou este luns ao Goberno do PP a utilizar de maneira “perversa e autoritaria” a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que acompaña á de Orzamentos do 2024 e que, nesta ocasión, vai supor a aprobación de ata 34 leis e 11 decretos lexislativos.  “O BNG non vai utilizar este procedemento torticeiro”, garantiu Bará, que observou que esta lei é un “exercicio de soberbia, prepotencia e autoritarismo” para introducir cambios absolutamente transcendentais “pola porta de atrás” en política económica e industrial.

“Fano sen as máis elementais garantías democráticas”, sostivo o deputado nacionalista durante o debate de totalidade da norma que, segundo sostivo, sáltase a consulta á cidadanía e a organismos como o CES co único propósito de lexislar para favorecer ás grandes empresas.

É o que sucede, por exemplo, cos cambios que afectarán ao sector eólico que, afirmou Bará, obedecen ao ditado da patronal e están pensados “para favorecer o espolio e sortear a resistencia social, así como as sentencias xudiciais que están poñendo trabas á instalación de parques eólicos sen as necesarias garantías medioambientais.

Bará anticipou unha “morea de recursos xudiciais” por todas as “trapalladas” que está facendo o Goberno do PP e, entre estas, referiuse por exemplo á chamada “lei de beneficios”, paralizada tras un informe “demoledor” do CES . “Para que facer consulta pública ou para que pedir un informe ao CES se se poden facer os cambios pola vía rápida aplicando a apisoadora da maioría absoluta do PP?, preguntou en voz alta.

Ironizou, por outra banda, co que semella “a visita ao santuario das aparicións” da conselleira de Economía, María Xesús Lorenzana, pois a través da Lei de Acompañamento “fai unha auténtica emenda á totalidade á política do señor Francisco Conde, que é a política económica e industrial da Xunta dos últimos 14 anos”. “Isto non é acompañamento, isto é un divorcio en toda regra”, dixo con sorna.

“Vostedes son os principais responsables deste deserto industrial e agora veñen con que hai que modificar leis para facer de Galicia unha especie de País das Marabillas en materia industrial ”, reprochou Bará ao Goberno do Partido Popular, ao que tamén criticou polas “chapuzas” feitas, como ocorre coa Lei de Simplificación Administrativa “que se modifica por lei dous anos despois para, precisamente, simplificala”.

Entre outras “tropelías”, o deputado do BNG censurou así mesmo os cambios feitos polo Executivo de Rueda para pagar ata medio millón de euros a grandes empresas no caso de que a Administración tarde máis dun ano en tramitar proxectos “para forrarse cos nosos recursos”.

Todos exemplos de que a Xunta do PP actúa como un “felpudo dos grandes lobbys económicos”  e de que está “en tempo de desconto, co depósito na reserva e dando bandanzos, desesperada por aferrarse ao poder” nunha deriva, engadiu, “moi perigosa porque son incapaces de defender os intereses da maioría do País”.   

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG