O BNG e Miguel Anxo Fernández Lores conmemoraron hoxe os seus 25 anos na Alcaldía de Pontevedra coa vista posta no futuro. No acto celebrado nun Teatro Principal, arroupado por todo o seu equipo e a portavoz nacional Ana Pontón, o rexedor municipal amosou o seu convencemento de que “a viaxe conxunta ao porvir” que a cidade comezou en 1999 con el á fronte do goberno local “aínda ten moitas etapas que avanzar, probablemente –dixo- as máis importantes por percorrer”.
Subliñou que os retos que veñen por diante “son de aúpa” e “van revolucionar o día a día das nosas vidas e das nosas cidades”, polo que apostou por aproveitar a posición avanzada na que está Pontevedra e seguir confiando no proxecto e o modelo de cidade nacionalista. “Entre todos e todas vamos a seguir avanzando, superando retos e conquistando un futuro mellor. Adaptarse e adiantarse non vai ser fácil, vai esixir estar en tensión, usar moita intelixencia e moita ilusión, moita razón e máis corazón. Pero estou convencido de que Pontevedra os vai superar con éxito. Pontevedra non vai renunciar a seguir avanzando, a ser un concello de vangarda”, afirmou, subliñando que “camarón que se duerme se lo lleva la corriente”.
Lores botou a vista atrás e lembrou que en abril de 1999 o grupo do BNG fixo á cidadanía “unha proposta radicalmente diferente, alternativa, rompedora e novidosa, contracultural (...) feita con coñecemento e paixón, con intelixencia e entusiasmo, con razón e corazón” fronte a “solucións simplonas e máxicas”. Segundo o alcalde, grazas a ese proxecto valente, durante os últimos 25 anos a vila do Lérez non só recuperou o moito tempo que tiña de atraso, senón que adiantou á maioría das cidades: “Pontevedra avanzou neste 25 anos máis que a maioría das cidades en 50 anos!!”.
Asegurou que o modelo de calidade de vida, as solucións para o ciclo da agua, as zonas de baixas emisión ou a compostaxe, son solucións que se intentan copiar noutras cidades: “a todos se nos incha o peito cando dicimos que somos de Pontevedra (...). Quen o ía dicir, quen o podía pensar hai 25 anos. Polo tanto, temos moito que celebrar, moitísimo!”, subliñou entusiasmado.
O alcalde fixo fincapé en que o modelo BNG, hoxe de éxito demostrado, ten dúas bases sólidas: nacionalismo e sustentabilidade. Nacionalismo, dixo, por confiar nas potencialidades e capacidades propias e por buscar tamén solucións propias aos problemas propios aprendendo de todas partes, do máis avanzando do mundo, pero aplicando aquilo de “Non virá de fora remedio nin espranza”.
E sustentabilidade, engadiu, por querer deixar un mundo mellor a quen vén detrás, poñendo as persoas no centro das políticas públicas e mellorando a contorna, recuperando os valores ambientais e patrimoniais, e poñéndoos en valor para uso e goce das persoas e da biodiversidade. “Deixamos de lado as obras e actuacións faraónicas, aforrando até o último euro e mirando polo viabilidade económica no futuro”, dixo.
“Tras estes 25 anos a realidade superou as mellores previsións”, insistiu Lores, asegurando que o logro é un mérito colectivo, porque “sen o meu equipo, sen a miña organización e, sobre todo, sen a colaboración e implicación dos sectores máis dinámicos, das persoas que lle queren a Pontevedra e buscan un futuro mellor para Pontevedra, non tería sido posíbel avanzar a enorme velocidade que se avanzou”. Para poñer fin á súa intervención fixo unha chamada a seguir traballando pola cidade: “Adiante Pontevedra!”.
“Hai Lores para dar e tomar”
A portavoz nacional, Ana Pontón, mostrou na súa intervención o seu “agradecemento e orgullo” pola “xigantesca” tarefa desenvolvida por Lores e o seu equipo ao longo destes 25 anos e que trouxo como consecuencia “unha obra transformadora que puxo a Pontevedra no mapa do mundo” e que fixo da cidade “un referente internacional de calidade de vida e benestar e, sobre todo, que mellorou a vida da xente”.
Pontón tamén fixo referencia ao futuro e dixo ver ao alcalde pontevedrés e ao seu equipo “ilusionado, con proxectos e con ideas” para facer da “próxima década a de maior avance, modernización e dinamismo da historia de Pontevedra”, logo de conseguir un cambio transformador na cidade que está á vista. “Que se preocupen na banda da dereita porque hai Lores para dar e tomar!”, recalcou.
A líder nacionalista destacou que aínda que moitas veces se pensa que as grandes transformación teñen que ver co cambio material, con investimentos, equipamento e servizos, na realidade, as transformacións máis profundas, “os cambios máis duradeiros”, teñen que ver co inmaterial, “coas emocións e os valores”, elementos que, subliñou, son cada vez máis importantes “na verdadeira política, na política con maiúsculas”, aquela que ten por obxectivo mellorar a vida das persoas e que sexan protagonistas da vida da súa cidade.
Nesta liña, considerou claves dous conceptos na evolución de Pontevedra nestes 25 anos: a equidade e a autoestima. “Converter a equidade nun principio reitor da política municipal significa poñer o goberno municipal ao servizo da maioría, tomar decisións a favor de quen máis o necesita, corrixir as desigualdades sociais e económicas e garantir un dereito fundamental das persoas, o dereito á súa cidade, ao espazo público como espazo democrático por excelencia”, explicou sobre o primeiro.
Sobre o segundo, salientou como, grazas á autoestima, Pontevedra pasou de ser unha cidade “gris e pesimista” a ser unha cidade “vitalista, animosa, empoderada e chea de querenza polo propio”, un valor que considero fundamental non só para explicar a transformación destes 25 anos, senón para o futuro porque, afirmou, “unha sociedade que cre en si mesma é imparábel”. “Se o que se fixo até agora foi moi importante, hai aínda moitos retos por diante, moita tarefa e moitos soños que cumprir”, avanzou.
Finalmente, a tenente de alcalde Eva Vilaverde quentou o ambiente dende o inicio arrancando os aplausos da militancia e simpatizantes ao asegurar que Lores vai seguir sendo alcalde moitos anos máis a pesares dos augurios e prognosticos dos últimos anos.
Vilaverde fixo fincapé no amor e confianza en Pontevedra que levaron a Lores e ao BNG a buscar solucións propias e axeitadas, elaboradas con moito coñecemento para adaptalas ás necesidades da cidade, creando un proxecto claro e definido “que lle pon un rumbo certo ao avance de Pontevedra”. Tamén salientou que, nun momento no que os casos de corrupción están á orde do día, o goberno local nacionalista destaca pola súa honradez e capacidade de xestión.
“Non houbo nestes 25 anos nin unha soa obra nin actuación desas que se lles deu en chamar faraónicas. Nin unha. Mentres outros concellos montaban tranvías que despois tiñan de desmontar, montaban Gaiás e cidades da cultura que despois non hai quen os sosteña, no concello de Pontevedra con Lores nunca se estirou o pé máis do que daba a manta, xestionouse como fan os bos xestores, sexa dunha familia ou dunha empresa. Con Lores e o BNG os cartos públicos son sagrados e os experimentos fanse con gasosa; nunca cos cartos de todos”, afirmou.
Vilaverde tamén confrontou o traballo de Lores e do seu equipo cos dous últimos alcaldes do PP e o actual voceiro ‘popular’, de quen dixo que non foron capaces de traballar pola cidade e que cambia de criterio constantemente, respectivamente, por non ter proxecto, nin bo nin malo, para Pontevedra.