Lobeira: "Galiza dentro da Comunidade lusófona terá unha oportunidade para saír da crise"

A proposición non de lei do BNG defende as vantaxes da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa para a promoción e cooperación económica, social e lingüística

O portavoz de Política lingüística do BNG, Bieito Lobeira presentou hoxe unha Proposición non de lei, a través da cal insta ao Goberno galego a adoptar as medidas necesarias para solicitar a admisión de Galiza na Comunidade dos países de Lingua Portuguesa (CPLP).

Na presentación da iniciativa, o parlamentario asegurou que de producirse esta adhesión, “Galiza terá unha oportunidade de saír da crise económica” grazas aos tratados e convenios en diversos sectores e a participación nas conferencias de xefes de Estado, de Goberno e consello de Ministros.

Cooperación mutua vantaxosa

O parlamentario insistiu na necesidade de formalizar esta reivindicación no Parlamento de Galiza por razóns de carácter “económico, social e comercial”.

Galiza conta con enormes potencialidades económicas dentro da Comunidade lusófona

Dende o BNG, dixo, consideramos que se están a desaproveitar “as enormes potencialidades que esta realidade lingüística abre para Galiza” con todos os países lusófonos e concretamente cun país emerxente como Brasil.

Para o deputado, o galego ademais de seren un elemento de comunicación interna tamén o é de maneira internacional, “240 millóns de habitantes falan galego, é oficial en moitos estados e ocupa un papel predominante en diferentes estruturas e estados”.

Feijoo e Rueda solicitan tradutor en Portugal e Brasil

O parlamentario do BNG criticou que dous representantes do Goberno galego, o Presidente da Xunta e o Conselleiro da Presidencia, amosaran o que ao –seu xuízo- representa unha “actitude desnaturalizada e madriñalizada” do Parido popular de Galiza cando nunha recente viaxe ao Norte de Portugal, Alfonso Rueda utilizou interprete para seren traducido do español ao portugués ao igual que Núñez Feijoo en Brasil, “máis ben parecía un enviado da Deputación de Murcia e non o presidente dun país coa mesma lingua que se fala no Brasil”, espetou.

Condolencias polo pasamento de Avelino Pousa Antelo.

Lobeira expresou a dor e pesar, no seu nome e do BNG ante o pasamento de Avelino Pousa Antelo, “un patriota galego e exemplar que dedicou toda a súa vida á liberación nacional de Galiza participando activamente en todas as reivindicacións en defensa do idioma galego e nos dereitos que nos asisten como pobo na procura de vivir libre e dignamente”, manifestou.

Participacións preferentes

A preguntas dos xornalistas sobre a situación xerada polas participacións preferentes, o nacionalista afirmou que “ a solución non pasa pola liña que marca a Unión Europea para beneficiar as entidades bancarias e financeiras”, dende o BNG, afirmou “defendemos o dereito dos afectados e afectadas a que lle sexa reintegrada a totalidade dos cartos”.

Os gobernos galego e español seguen beneficiando ás entidades financeiras pero  os afectados das preferentes non reciben os cartos

Para o deputado, “a fraude das preferentes” debe ser respondida “cun golpe na mesa dos gobernos galego e central” ao fin de acadar unha solución para “os pequenos aforradores” e non seguir favorecendo os intereses bancarios como estiveron facendo ata agora, concluíu.

 

http://youtu.be/Cn7IEV0_xQA

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG