Jorquera subliña que a BPG sería tamén unha "solución real" para o sector naval

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, subliñou que a proposta nacionalista de crear unha Banca Pública Galega “é unha solución tamén para o problema de financiamento do sector naval”.

Unha delegación do BNG, encabezada por Francisco Jorquera, reuniuse esta mañá con representantes sindicais das distintas empresas do sector naval de Vigo, tanto dos estaleiros principais como das industrias auxiliares para presentarlles proposta a proposta do BNG a prol de crear unha Banca Pública Galega e tamén para ter un diálogo cos representantes dos traballadores do naval sobre os problemas do sector e as medidas a tomar.

Jorquera manifestou que “ambas cuestións están estreitamente vencellada”.

Así, o candidato do BNG á presidencia da Xunta puxo de manifesto que “a crise que está a padecer o naval obedece a distintos factores, a suspensión do tax lease foi un deles pero non o único, pois outro deles é a falta de financiamento para construír barcos, que dificulta que poida haber contratacións”.

Neste sentido, subliñou que “ferramentas como a Banca Pública Galega que propón o BNG serían moi útiles para iniciar a recuperación dun sector que para a economía de Vigo e do conxunto de Galiza é vital”.

“A Banca Pública Galega sería moi útil para a economía de Galiza”

Ademais, Jorquera defendeu “un cambio de estratexia por parte do Goberno, nun momento no que un dos factores que está provocando o estrangulamento da economía produtiva é precisamente a ausencia de crédito, e nun momento no que se están mobilizando inxentes cantidades de recursos públicos para sanear con cartos de todos a banca privada”.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta presenta a proposta a representantes dos traballadores do naval

Por iso, reclamou que “o lóxico sería nacionalizar esa banca, facela pública, e que Galiza se dote de instrumentos financeiros para impulsar a súa economía produtiva e evitar que o aforro dos galegos sexa expoliado para investilo noutras partes do Estado”. “E iso sería útil para todos os sectores produtivos de Galiza”, subliñou.

PP e PSOE opóñense á Banca Pública Galega e defenden que a sociedade pague as perdas dos bancos

A este respeito, Francisco Jorquera lembrou que “esta semana no Congreso dos Deputados debateuse unha proposición de lei do BNG nesta dirección, de converter Novagalicia Banca nun Banco Público Galego, que contou co apoio de moitos grupos do Congreso, pero non foi admitida a trámite polo voto en contra do PP e pola abstención do PSOE”.

Deste xeito, denunciou que “ao tempo que PP e PSOE se opuñan a crear unha Banca Pública Galega onte puxéronse de acordo tamén para que as perdas da banca as pague o conxunto da sociedade, o que para o BNG é escandaloso e reclamamos un cambio de estratexia”.

Jorquera considera “absolutamente desproporcionada” a sentenza xudicial que condena a Antolín Alcántara e Ramón Sarmiento a 9 e 6 meses de cárcere, respectivamente

“Os poderes públicos -salientou- teñen que intervir a banca para que financie a economía produtiva e en Galiza iso pasa por dotarnos dun Banco Público Galego que ademais sería unha solución real para o sector naval”.

Neste sentido, lembrou que “practicamente todos os países do mundo que teñen un tecido industrial forte contan con banca pública, que xoga un papel fundamental na financiamento da industria, e incluso na Alemaña de Merkel a banca pública é a principal financiadora da pequena e mediana industria”.

Condena de dous sindicalistas de Vigo: “Unha sentenza absolutamente desproporcionada”

Por último, Francisco Jorquera manifestou a "total solidariedade" do BNG con Antolín Alcántara e Ramón Sarmiento, os sindicalistas condenados a 9 e 6 meses de cárcere por defender os dereitos dos traballadores. Afirmou que “o BNG considera a sentenza xudicial absolutamente desproporcionada".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG