O BNG advirte que o PP está a utilizar a súa maioría absoluta no Parlamento galego para amordazar á Cámara autonómica e convertela nun circo no que a anécdota oculte o traballo, propostas e debates que está a presentar o BNG, autor de máis da metade de todas as iniciativas presentadas polos grupos da oposición.
Así o denunciou o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, no decurso da reunión que a totalidade do Grupo Parlamentar nacionalista mantivo con colectivos sociais, responsables municipais, militantes, simpatizantes da formación na Comarca do Morrazo no Concello de Moaña.
A diferenza do que fai o PP, que pretende amordazar e silenciar o Parlamento abusando da súa maioría para convertelo nunha Cámara sumisa, denunciou Jorquera, o BNG vai levar o Parlamento á rúa a través de iniciativas de contacto directo coa cidadanía como o encontro de todo o Grupo parlamentar nacionalista no Morrazo. Jorquera criticou o interese do PP en converter o Parlamento nun circo como maneira de agochar as propostas, as alternativas e os debates que impulsa o Bloque.
Neste sentido, salientou que máis da metade das iniciativas presentadas na Cámara son autoría do BNG e moitas delas asumidas con posterioridade por outras forzas políticas da oposición, como a proposta de converter NGB nunha banca pública galega ao servizo das familias e do tecido produtivo do país.
Precisamente, Jorquera puxo o caso de NGB como exemplo da importancia do traballo parlamentar que o PP quere silenciar. Criticou a irresponsabilidade política de Feijóo ante a consumación do espolio do aforro galego e a falacia de facer creer que é o mellor momento para malvender a entidade. Unha venda que, advertiu o portavoz parlamentar, pechará calquera posibilidade a un proceso de arbitraxe para que os afectados pola estafa das preferentes podan recuperar os aforros roubados. Que ten que dicir a isto Feijóo?, concluía Jorquera.