Francisco Jorquera denuncia unha mala praxe lexislativa do Partido popular para debater unha lei, polo trámite de urxencia, que modifica vinte leis e aproba a disposición adicional para beneficiar á concesionaria da Autovía da Costa da Morte.
Pleno. No pleno ordinario que deu comezo tras a sesión plenaria do Debate de Orzamentos 2015, o BNG presentou corenta emendas ao proxecto de lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera cualificou de mala praxe lexislativa do Partido popular utilizar o trámite de urxencia á hora de presentar unha Lei de Acompañamento á lei de Orzamentos, concibida como unha autentica lei ómnibus que introduce modificación en múltiples leis furtando os necesarios debates.
Parécelles lóxico, preguntou, que debatamos un texto legal que afecta ás leis de :Xogos e apostas, audiovisual, patrimonio cultural, estradas, augas, montes, residuos, portos de Galiza, paisaxe, emprendemento, comercio, navegación, ordenación mineira, servizos sociais, sustentabilidade financeira, ciencia, innovación e tecnoloxía?. Para o BNG é impresentable,afirmou.
O BNG propón anular a disposición adicional que beneficia á concesionaria da Autovía da Costa da Morte
Jorquera foi máis alá e denunciou a intención do Partido popular de utilizar esta técnica lexislativa para colar medidas pola porta de atrás, como a disposición adicional relativa á autovía da Costa da Morte.
Neste sentido, o deputado aludiu á emenda presentada polo BNG que propón a supresión da disposición destinada a legalizar unha modificación do contrato á medida dos intereses do contratista e evitar a concorrencia doutras empresas. Unha modificación, dixo, ad hoc, da lei de contratos para beneficiar á concesionaria da autovía da Costa da Morte.
O PP busca o visto e prace da Cámara para cometer unha irregularidade
Os propios servizos xurídicos do Parlamento, abondou,Jorquera, emitiron un informe afirmando que a aprobación dunha disposición deste tipo estaría impedindo realizar o control que lle corresponde aos órganos xudiciais e vulnerando os dereitos dos interesados ante unha decisión definitiva pero o Grupo popular decidiu manter o texto orixinal a pesar do contido do informe, vostedes, reiterou, verán o que fan.
O parlamentario asegurou que a declaración de interese xeral apelando aos principios de estabilidade orzamentaria, é unha autentica fraude de lei. A lei de Estabilidade Orzamentaria está vixente dende o 2011 e a licitación que agora pretenden modificar foi resolta o 10 de Maio de 2011, non se acordaron vostedes nos momentos máis críticos da crise cando adxudicaron o segundo contrato de concesión de obra pública que máis obrigas plurianuais conlevan para a Facenda Galega? Volveu preguntar.
En vez de esixir que a empresa cumpra os seus compromisos, o PP argalla unha solución fraudulenta para modificar as condicións contractuais. A empresa, dezaoito meses despois da adxudicación, explicou, aínda non tiña o acordo de financiamento ao que se comprometera e doce meses antes da data de remate das obras, aínda existía unha incerteza seria e documentada sobre a capacidade de levalas a termo. Se isto non é prevaricación realmente, parecéselle moito, afirmou.
Medidas para unha Fiscalidade xusta e equitativa
Por outra banda, o deputado defendeu reformar o IRPF co incremento das rendas superiores aos 100.000 euros, máis tributos para as grandes fortunas e un imposto ás grandes superficies comerciais e depósitos bancarios co fin de recadar ingresos por valor de 275 millóns de euros.
Máis comercio interior e menos casinos
Entre as emendas nacionalistas tamén figuraba a oposición a duplicar o número de casinos aproveitando autorizacións xa emitidas, regular as licencias audiovisuais, defender o patrimonio e medio ambiente, e modificar a lei de Comercio Interior de Galiza para evitar a súa aniquilación.
Medidas para restar capacidade de intervención dos concellos á hora de conceder autorizacións mineiras e reducir os prazos para o recoñecemento da dependencia e dereito de prestacións foron emendas tamén defendidas polo deputado.
Jorquera concluíu a súa intervención rexeitando a normativa orzamentaria e financeira galega e o dogma fanático do déficit cero.