Jorquera: " A oposición do PP para construír o dique flotante e unha nova burla e engano"

Francisco Jorquera cualifica de nova “burla e engano” do Partido popular levar na súa axenda política a construción do dique flotante e carga de traballo para os estaleiros da comarca de Ferrolterra e modificar este discurso despois de gañar as eleccións no Estado

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a portavoz de Industria, Carme Adán instaron hoxe á Xunta a asumir persoalmente as negociacións co Goberno do Estado para a construción dun dique flotante nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e levantar o veto que impide a carga de traballo.

Os parlamentarios do BNG compareceron, hoxe ante os medios de comunicación, para denunciar que o Partido popular utiliza de “escusa” a Unión Europea para negar a construción do dique flotante cando existe outro na Baía de Cádiz construído con recursos públicos.

Incumprimento electoral do Partido popular

Para Francisco Jorquera estamos ante unha “nova burla e engano” do Partido popular que “non tivo escrúpulos” para introducir na súa axenda política a construción do dique flotante e a carga de traballo dos estaleiros de Ferrol e esquecerse destes compromisos tras gañar as eleccións no Estado.

O portavoz do grupo nacionalista asegurou que, “non existe vontade política por parte do Partido popular” para levantar o veto a Navantia e que este se prorrogue ata o 2015, data na que vence.

Desmantelamento dos estaleiros da Comarca

Jorquera denunciou o desmantelamento dos estaleiros da comarca de Ferrolterra e lembrou que o propio Presidente da Xunta tamén se comprometera, a través do “Contrato con Ferrol”, a impulsar o dique flotante e o levantamento do veto a Navantia ao que agora hai que sumar, dixo, “o desatascamento dos contratos con Pemex” segundo as propias palabras de Rajoy, “admitindo que estaban atascados” afirmou, Jorquera.

Neste sentido, engadiu que o famoso “desatascamento” tradúcese nunha licitación internacional dos contratos  que non confirma, un “compromiso firme” cos estaleiros galegos.

Posibles sancións aos parlamentari@s por ausentarse do Pleno

A preguntas dos xornalistas sobre o plante da oposición no debate dos orzamentos e posibles sancións aos deputados que non asistiron a sesión plenaria, o portavoz parlamentario afirmou que a “única actuación irregular” foi a exercitada polos servizos de seguridade da Cámara e a Policía Nacional da entrada do Parlamento que mesmo impediu o acceso de tres deputadas e un parlamentario do BNG polo que xa foi cursada a pertinente queixa ao órgano competente esixindo responsabilidades.

Jorquera tamén explicou que os convidados do grupo nacionalista entraron no Parlamento de maneira regular porque no grupo do BNG, dixo, non se recibiu ningunha notificación que recomendara o contrario, “os convites seguiron o seu curso habitual” concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG