Jorquera lamenta que a maior pluralismo no Parlamento, menor representación nos seus órganos

O portavoz do GP do BNG, Francisco Jorquera, lamentou  que nun Parlamento máis plural que na pasada lexislatura se reduza o número de membros nas Comisións, o que pon trabas ao desenvolvemento con plena normalidade do traballo dos distintos grupos.

 Jorquera informou, logo da primeira reunión da Xunta de Portavoces, que a composición que foi aprobada implica pasar de 13 membros a 12, co seguinte reparto: 7 do PP, 2 do PSOE, 1 Age e 1 BNG.

O voceiro nacionalista explicou que o BNG puxo enriba da mesa unha composición alternativa “que nos parece máis que razonábel, porque as comisións deben reflectir a proporcionalidade e pluralidade que naceu dos últimos comicios”.

A proposta nacionalista, engadiu Jorquera, supuña dotar ás comisións de 17 membros co seguinte reparto: PP 9, PSOE 4, AGE 2 e BNG 2, cun pacto entre os grupos para que esta incremento non supuxera maior gasto, optando por reducir dietas, por exemplo.

Tempos

A orde do día desta primeira Xunta tamén incluía a ordenación dos tempos do debate de investidura, que tamén contou co rexeitamento do BNG, indicou Jorquera, porque co argumento de que agora hai un grupo máis a poposta da Mesa foi a de reducir tempos de intervención, “cando nun debate destas características todos os portavoces debemos ter o tempo suficiente para expoñer as nosas posicións”.

Nun debeta tan importante como o da Investidura todos os portavoces debemos ter tempo suficiente para expoñer as nosas posicións

Neste sentido, Jorquera advertiu que, ademais, coa reducción das intervencións o tempo total do debate é inferior ao da pasada lexislatura, o que non é de recibo xusto nunha Cámara que a sociedade decidiu nas urnas que fose máis plural, con máis voces para escoitar, reiterou.

Debate Investidura

Sobre o debate en si, o voceiro nacionalista reiterou que o BNG vai votar en contra da investidura de Feijóo por considerar que a experiencia da lexislatura pasada só conduciu a unha sociedade máis insolidaria e inxusta e a unha Galiza máis irrelevante.

“Farei un discurso moi crítico ao continuismo que representa Feijóo e o confrontarei coa defensa dun proxecto alternativo, o que defende o BNG, baseado en tres eixos fundamenatais: mudar radicalmente as políticas sociais e de benestar, afondar na democracia e garantir o dereito de Galiza a decidir”.

Sentenza TSXG

Jorquera aproveitou a súa comparecencia para insistir tamén en que Feijóo debe rectificar e tomar nota da sentenza do TSXG sobre o decreto do galego, debe derrogalo e debe prescindir de Jesús Vázquez como conselleiro na conformación do novo goberno.

Feijóo ten que rectificar e derrogar o decreto do galego, non pode valorar a sentenza do TSXG ao peso e obviar que tomba os artigos máis definitorios da súa política de aniquilización lingüística

Para o voceiro parlamentar do BNG, non é de recibo que a resposta do goberno da Xunta á sentenza fose unha valoración “ao peso, porque só anula dous artigos”, pois lembrou que eses dous artigos son precisamente os máis definitorios da política de “aniquilación lingüística” do PP.

Ubicación dos grupos

A preguntas dos xornalistas sobre a ubicación física dos grupos na Cámara, Jorquera explicou que o BNG asumiu a proposta da Mesa de axustar o espazo á nova realidade do Parlamento pero causando o menor transtorno posíbel, “parécenos xusto e razonábel para que todos poidamos desenvolver o traballo con normalidade”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG