Jorquera: "O goberno do BNG será un dique fronte ás desigualdades e a inxustiza"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, reta a Feijoo a debater “sen escusas” na campaña das eleccións galegas e acúsao de “querer reter o goberno usando a mentira, como fixo Rajoy na campaña das pasadas eleccións xerais”.

Francisco Jorquera interveu esta mañá ante o Consello Nacional do BNG, a primeira reunión despois do verán do máximo órgano do BNG entre asembleas.

“Feijoo é cómplice dun goberno que tolera o roubo das preferentes mentres entrega 4.500 millóns a Bankia”

O candidato nacionalista afirmou que “a decisión de Feijóo de renunciar a seis meses de lexislatura, pese a contar co sustento dunha maioria parlamentar, é a mellor evidencia do esgotamento do seu proxecto, da súa manifesta incapacidade para facer fronte aos problemas do noso país. é todo un recoñecemento do seu fracaso”.

Ademais, denunciou que “esta decisión representa tamén o seu último acto de sumisión de Feijóo a Rajoy e ao seu goberno, que tolera o roubo de até o 70% dos aforros dos afectados polas preferentes mentres entrega 4.500 millóns de fondos públicos a Bankia”.

“Feijoo méntelle á sociedade galega para intentar reter o goberno”

O candidato do BNG á presidencia da Xunta tamén advertiu de que “Feijóo quere aplicar en Galiza a mesma táctica que utilizou Rajoy para chegar á Moncloa, quere, á desesperada, intentar reter o goberno, ocultando o seu verdadeiro programa, mentíndolle a sociedade galega”.

A este respeito, recomendoulle que “en política, non se pode gobernar sempre sustentándose na mentira, aínda que esta se parapete nun inmenso muro de propaganda”.

Jorquera reta a Feijóo a debater “sen escusas”

Fronte a iso, Francisco Jorquera retou eu “hoxe mesmo ao Partido Popular a debater ante toda a sociedade galega sobre o efecto Feijóo, a debater sobre os efectos da súa política que levaron a que Galiza agora, decrece máis que a media estatal e a que nunca na historia de Galiza houbera tantas persoas sen traballo, ou a que a débeda pública de Galiza pasara con Feijoo de 3.200 a 8.000 millóns de euros”.

“A herdanza de Feijoo -resumiu- é un país sumido nunha profunda crise económica, política e social: este é o verdadeiro efecto Feijóo, o pior presidente que tivo Galiza”.

Galiza necesita un Goberno que sexa un dique fronte ás desigualdades e a inxustiza

Ante esta situación, o candidato do BNG á presidencia da Xunta afirmou que “Galiza non necesita unha simples alternancia de goberno, que foi a que houbo en Madrid cando gañou Rajoy”.

Pola contra, defendeu que “Galiza necesita dun goberno que lle plante cara aos recortes. que sexa un dique a fronte ás desigualdades e a inxustiza, fronte ao centralismo e a perda de democracia, que impulse a economía produtiva para crear emprego”.

Por iso, Francisco Jorquera subliñou que “o BNG non foxe dos debates e empraza ao PP a que non busque xa, disculpas de mal pagador para evitar debater”.

O candidato nacionalista concluíu a súa intervención facendo un chamamento “a transformar o descontento social maioritario en enerxía alternativa que representa o BNG para facer posíbel o cambio real que Galiza necesita”.

 

 

 

http://youtu.be/Cv-i83P6Vyk

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG