Jorquera gaba o compromiso da militancia

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, afirmou hoxe que a Convención Nacional celebrada onte en Santiago “marca unha nova etapa no BNG, na que cada vez máis xente vai mirar para o BNG como a alternativa que lidere o cambio que Galiza precisa”. Jorquera participou esta mañá na Coruña nun almorzo informativo organizado polo Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia.

Na rolda de prensa posterior, o candidato nacionalista á presidencia da Xunta asegurou que “a Convención de onte marca o inicio dunha nova etapa que vai servir para relanzar o proxecto do BNG e para que cada vez máis sociedade galega mire para o BNG como a forza política que realmente vai ser o motor do cambio no noso país, como a forza política que Galiza necesita”.

As propostas do BNG fronte á propaganda de Feijóo

Neste sentido, Jorquera afirmou que “esta fin de semana visibilizáronse dúas alternativas: o acto preeleitoral de Feijoo na Coruña, no que, como nos ten acostumados, substituíu a realidade pola propaganda, e fronte a iso, a sociedade galega puido ver na Convención do BNG a unha forza política que ten propostas, enerxía e ganas para levalas a cabo”. Así, Jorquera criticou que Feijoo presuma de solvencia das contas de Galiza, cando no seu goberno a débeda da Xunta pasou de 3.200 millóns de euros a 7.700 millóns, e o paro e o descenso da actividade económica agraváronse por riba da media do Estado.

 A estratexia do PP: dispersar o voto dos que queren cambio en Galiza

Deste xeito, fronte a un balanzo de goberno de Feijoo que Jorquera non dubidou en cualificar de “absoluto fracaso”, o candidato do BNG advertiu de que a estratexia do PP para intentar reter a maioría absoluta é intentar facer ver que non hai alternativa viábel ao PP e para iso vai intentar dispersar e fragmentar o voto que desexa un cambio real no noso país.

Hipotético adianto eleitoral

A este respeito, sobre un hipotético adianto eleitoral, Jorquera avanzou que “o BNG está preparado para afrontar as eleccións galegas, celébrense cando se celebren”. “Cremos -afirmou- que se o señor Feijoo opta por adiantar as eleccións estaría demostrando o que ven dicindo o BNG: que o seu goberno carece totalmente de impulso, que representa un proxecto esgotado e que non ten balance de xestión que presentar á sociedade galega”.

Jorquera ironiza sobre o seu grao de coñecimento

Por outra parte, a preguntas dos xornalistas sobre o seu grao de coñecemento, Jorquera subliñou que “non coñezo ningún inquérito que diga que me coñece moi pouca xente en Galiza”.

Nunca pensei que me coñecesen 10 millóns de persoas en todo o Estado: é un dado moi positivo!

Explicou que o inquérito do CIS que se publicou recentemente “fíxose no conxunto do Estado español, e se Galiza apenas representa o 6% da poboación do Estado e a min me coñece o 18% da poboación do Estado, isto significa que me coñecen 10 millóns de persoas, polo que teño que dicir que cando coñecín ese inquérito quedei sorprendido gratamente”. “Non pensei nin por asomo -ironizou- que no conxunto do Estado me coñecesen 10 millóns, un dato moi positivo”. O candidato do BNG amosouse convencido de que “en Galiza o meu grao de coñecemento é moito maior e de aquí ás eleccións galegas vaise incrementar considerabelmente”.

A respeito das mobilizacións do 15-M, Jorquera valorou “moi positivamente este movimento cidadán porque é moi importante que a sociedade reaccione e se mobilice fronte ao secuestro da democracia polos mercados e fronte ás políticas inxustas e ineficaces que están a aplicar os gobernos”.

Porén, subliñou que “para o BNG hai que dar un paso máis”. “Non só hai que amosar a indignación, que é xusta e que compartimos, senón que tamén é importante que ese malestar se traduza en actitudes propositivas que fagan posíbel transformacións políticas reais”, asegurou. E nese sentido, manifestou que “cremos con toda humildade que o BNG é a ferramenta máis útil que hai en Galiza para transformar o malestar social en cambios políticos sociais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG