Jorquera exixirá a comparencia de Feijóo na Comisión de Investigación de NGB

O portavoz do G.P. do BNG lamenta que o Plan de Reestructuración da entidade, que supón 2500 despedimentos, se estea a facer de costas aos traballadores

Francisco Jorquera afirmou que esta formación política exixirá da Comisión de Investigación das Caixas que serva para “saber” e en función do que se “saiba” poder decidir que futuro ten que ter o sistema financeiro galego.

Jorquera, logo dunha reunión de empresa co Comité de Empresa de NovaGalicia Banco, adiantou que mañá, no pleno no que se debatirá a constitución da Comisión, pedirá entre outras a comparecencia de Núñez Feijóo, pois a Xunta ten responsabilidades evidentes na xestión da entidade toda vez que tiña competencias exclusivas en materia de Caixas de aforros.

Cómpre esclarecer as causas que provocaron a desfeita das Caixas, depurar responsabilidades e logo decidir o futuro do sistema financeiro galego, que pasa pola banca pública

“A función de Feijóo como presidente do goberno galego era tutelar estas entidades e apostar por unha vía diferente á da bancarización, que foi a que finalmente abocou ás caixas galegas á súa desaparición e favoreceu o oligopolio financeiro do Estado a costa das entidades territoriais”.

O portavoz parlamentar do BNG reiterou que a Comisión chega “tarde, mal e arrastro” por mor do veto que impuxo o PP na pasada lexislatura, polo que na súa opinión estase a asistir ao cumprimento dos agoiros do BNG e o PP agardou a que se consumara a liquidación a prezo de saldo de NGB para pór en marcha a dita comisión.

Banca pública

Para Jorquera, hai que investigar a fondo as causas que provocaron esta “desfeita” e depurar responsabilidades para, a partir de ahí, sacar conclusións e apostar polo que sempre defendeu o BNG, por unha banca pública galega, que garanta que os aforros dos cidadáns do País fiquen no País e se invista no tecido produtivo de aquí.

Sobre o Plan de Reestructuración de NGB, lamentou que os traballadores afectados non teñan coñecemento do que implica a nivel laboral nin por parte dos directivos nin por parte do máximo accionista, que agora mesmo é o FROB.

Jorquera lembra que se está a falar do despedimento de máis de 2.500 persoas e do peche de milleiros de oficinas, nomeadamente no rural, co que se dificultará a moita xente o acceso a unha entidade.

“Alén do compromiso do BNG con que se investigue, coa conversión de NGB en banca pública, tamén nos comprometemos a traballar no eido parlamentar para o mantemento do emprego e para que exista transparencia na negociación cos traballadores”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG