Jorquera: "En democracia non se pode gobernar contra a maioría social, iso é plutocracia"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera defendeu hoxe unha Lei de Consultas Populares para que en cuestións de transcendencia, como o rescate, sexa a sociedade a que teña a última palabra.

Do contrario, advertiu que “seguiremos con gobernos que gobernan contra os intereses da maioría social, e iso non é democracia, é plutocracia, é ditatura dos mercados, dos grandes poderes económicos”.

Jorquera participou esta mañá en Cambre nunha charla-coloquio aberta ao público sobre a propostas do BNG para as eleccións galegas do 21 de outubro, un acto no que tamén interviñeron a concelleira do BNG en Cambre, Mariví Amor, e a candidato número dous do BNG pola Coruña, Ana Pontón.

“A democracia ten que volver a ser o poder do pobo”

Na súa intervención, Francisco Jorquera advertiu de que “se está acabando coa democracia cando vemos como os gobernos póñense de costas á xente que os elixiu e limítanse a política que lle ditan os grandes poderes económicos” como están a facer os gobernos de Rajoy e de Feijóo.

“Para eles, iso que se chaman mercados, e que son os especuladores e grandes poderes económicos, son máis importantes que as persoas”, afirmou

E puxo como exemplo “estes días nos que os gobernos en vez de escoitaren o clamor das rúas insisten en seguir con estas políticas de recortes, aínda que ataquen á maioría social”.

Neste sentido, alertou de que “cando isto sucede a democracia transfórmase en plutocracia, que é o goberno dos grandes poderes económicos utlizando os gobernos formalmente democráticos como meros axentes transmisores das súas políticas”.

E puxo como exemplo que o memorandum de rescate ao Estado español, “un documento sobre o que se informou e se debateu no Parlamento Alemán, pero non no Congreso dos Deputados”. “Esa é a calidade da democracia do PP”.

Propostas do BNG para a rexeneración democrática

Ante esta situación, Jorquera subliñou que “o BNG defende a rexeneración democrática, que pasa por exercer a transparencia, por respetar o pluralismo político, por asegurar o dereito á información, por incentivar a participación real da sociedade na toma de decisións”.

Consulta popular vinculante para as decisións que afecten ao futuro do país

E como medidas concretas que inclúe o BNG no seu programa eleitoral salientou “unha reforma legal que asegure que a Televisión de Galiza e a Radio Galega sexan públicas e non un instrumento ao servizo do goberno de quenda”.

 

 

Na mesma liña defendeu unha reforma da Lei Eleitoral “que asegure que o Parlamento de Galiza sexa reflexo da pluralidade existente na sociedade, creando unha circunscrición única a nivel de Galiza, ou suprimindo o límite do mínimo do 5% dos votos para participar no reparto de escanos”, ou o impulso á celebración de consultas populares “para que a sociedade se pronuncie sempre que se tomen decisións que afecten ás súas necesidades e intereses básicos e sexa a sociedade a que teña a última palabra”.

Francisco Jorquera salientou que “o BNG foi a primeira forza que propuxo que as políticas de recortes se sometan a un referendo e sexa en última instancia a sociedade quen diga se está de acordo por exemplo co rescate e coas súas condicións”.

Asegurou que “para o BNG é imprescindíbel este referéndum se queremos iniciar un novo proceso político e social fronte á devalución da democracia, fomentando a participación”.

Francisco Jorquera concluíu salientando que “o BNG aposta por contar permanentemente coa xente e sempre que se discutan aspectos que afectan ao futuro dun país téñense que someter a consulta vinculante”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG