Jorquera, sobre a demisión de Gayoso: "Está ben, pero hai que fixar as responsabilidades políticas"

Logo de se coñecer a demisión de Julio Gayoso, copresidente de Novacaixagalicia, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, valorou como positivo que os directivos “vaian asumindo as súas responsabilidades”, mais ao mesmo tempo remarcou que “o que cómpre agora é que se estabelezan tamén as responsabilidades políticas, para o cal é fundamental que Feijóo deixe de adiar a constitución da Comisión de Investigación no Parlamento galego”.

Para Jorquera, resulta evidente que Feijóo non ten o menor interese en que a Comisión de Investigación se constitúa á maior brevidade posíbel. “Feijóo emprega tácticas obstrucionistas porque non quer que o goberno que el preside asuma as súas propias responsabilidades na desaparición do sistema financeiro galego”, afirmou o candidato nacionalista á presidencia da Xunta de Galiza.

Responsabilidades de Feijóo

As responsabilidades de Feijóo neste asunto saltan á vista: “Foi el quen selou a bancarización da caixa resultante da fusión e foi el quen por certo pactou co señor Gayoso a súa continuidade, por espazo de tres anos máis, ao frente de Novacaixagalicia”.

Jorquera acusou a Feijóo de “burlarse” do Parlamento ao condicionar a constitución da comisión de investigación ao proceso de recapitalización de Novagaliciabanco. “Non é de recibo que se limiten as faculdades da Cámara galega, que é a cámara de representación popular, en función do maior ou do menor éxito das xestións dos novos directivos do banco. A transparencia nunca pode ser negativa. Quen lle ten medo á transparencia é porque ten algo que agachar”, afirmou.

Banca Pública Galega como única alternativa

Para o candidato do BNG, tal e como están as cousas, e logo da absorción do Banco Pastor polo Banco Popular e da nacionalización privatizadora da caixa resultante da fusión, a única alternativa que garantiría a pervivencia dun sistema financeiro digno de tal nome é a Banca Pública Galega.

Feijóo búrlase do Parlamento galego ao condicionar a investigación ao éxito das xestións dos novos directivos na capitalización de NGB

“A economía deste país non sen pode permitir o luxo de continuar nin un minuto máis sen ter fontes de financiamento. Cantas empresas, pequenas e medianas, están pechando todos os días en Galiza por falta de crédito? Cantos autónomos non sufren por este mesmo problema? Cantos comercios non están afogados e a piques de desaparecer por que non hai quen lles dea un préstamo? Por que o PP se nega a criar unha banca pública cando é máis que evidente que a banca privada prefire especular coa débeda pública antes de que investir no apoio ás empresas produtivas?”, perguntouse Jorquera.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG