O portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, cualifica o discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galiza como hipócrita, cheo de tópicos e baleiro de contido.
Ademais, Jorquera replícalle a Feijóo que a súa apelación á unidade das forzas políticas fronte á crise hai que concretar para qué, porque o BNG non se sumará a unha unidade para seguir empobrecendo á maioría da sociedade para beneficio dunha minoría.
Feijóo esquécese das vítimas das políticas neoliberais: desafiuzados, estafados polas preferentes....
A este respeito, o portavoz parlamentar do BNG criticou que o camiño escollido por Feijóo é o de darlle as costas á maioría da sociedade para defender os privilexios dunha minoría.
Así, Jorquera lembrou que neste Fin de Ano están pechadas en Galiza centos de persoas vítimas da estafa das preferentes, e Feijóo dalles as costas e o seu partido, o PP, apoia un decreto que legaliza esta estafa.
Neste Fin de Ano -engadiu- hai cidadáns que se están mobilizando contra os desafiuzamentos e Feijóo tamén lles da as costas; hai centos de miles de persoas en paro en Galiza e Feijóo tamén lles da as costas e apoia reformas laborais que lles rouban máis dereitos aos traballadores.
Hipocrisía de Feijóo por escoller a casa de Rosalía
Por último, Francisco Jorquera cualifica de hipócrita que Feijóo apelase no seu discurso a Rosalía de Castro e escollese como escenario a súa casa museo en Padrón cando vemos como o seu Goberno segue pisoteando a lingua e a cultura galegas e segue apostando por unha Galiza submisa ao que manden dende Madrid.