Jorquera critica que a investigación das Caixas chegue "tarde, mal e arrastro"

O portavoz parlamentario acusou ao Partido popular de agardar a que se consumase a liquidación do sector financeiro galego para levantar “o veto” a creación da comisión e lamentou que sega sen apoiar a conversión de NGB en banco público galego

O Grupo parlamentario do BNG apoiou, no primeiro pleno celebrado na Cámara galega, a creación da Comisión de investigación sobre a evolución económico-financeira das antigas caixas, aínda que en palabras do seu portavoz, Francisco Jorquera “chega tarde, mal e arrastro”.

Na súa intervención, Jorquera afirmou que o Partido popular agardou a que se consumase “a liquidación do sector financeiro galego” para levantar “o veto” á creación da Comisión.

O BNG pide celeridade na investigación

O portavoz parlamentario explicou que a posta en marcha desta Comisión é consecuencia da indignación e demandas da cidadanía polo que o BNG non vai consentir que o PP pretenda facer un “un paripé” nin unha comisión para facer traballos de arqueoloxía, as comisións, afirmou, son necesarias para investigar a fondo “as causas, responsabilidades e consecuencias do acontecido nas caixas”.

Caixas galegas “trufadas de preferentes”

Asemade, o parlamentar tamén preguntou polas razóns que levaron a Núñez Feijoo a afirmar publicamente que o capital das caixas “estaba trufado de preferentes” sen telo denunciado no seu momento, “agardamos, apostilou, que a Comisión de Investigación esclareza tamén este extremo”.

Por outra parte, e como xa fixera o BNG a través dun escrito dirixido recentemente á Mesa do Parlamento para denunciar a inactividade parlamentaria tralas eleccións, Jorquera insistiu na necesidade de principiar, canto antes, os tráballos da Comisión polo que pediu “habilitar o mes de xaneiro”.

Jorquera anunciou que o BNG pedirá a comparecencia de Núñez Feijoo e dos directivos das caixas e Novagalicia Banco ao fin de depurar “responsabilidades políticas” da Xunta de Galiza sobre o cobro das indemnizacións millonarias dos directivos e esclarecer o acontecido coa comercialización fraudulenta de participacións preferentes, concluíu.

Banca Públlica

Por outra parte, no transcurso da mesma sesión plenaria, a Cámara galega volveu a amosarse contraria á  conversión de Nova Galicia Banco nunha entidade pública de crédito dependente dos poderes públicos galegos, tal e como reclamaba o BNG.

A través do seu deputado Carlos Aymerich, o BNG volveu defender sen éxito en sede parlamentar unha proposición non de lei co obxecto de demandar do goberno español a transferencia da participación que ostenta o Estado en NGB, pois considera que só grazas a unha banca pública galega se poderá garantir a pervivencia do sistema financeiro galego e que o crédito flúa ao servizo dos intereses da economía produtiva e a creazón de emprego no País.

A iniciativa, que contou co respaldo de AGE, tamén instaba ao goberno a impugnar ante o tribunal constitucional a Lei de Reestructuración e resolución de entidades de crédito.

Aymerich preguntouse se acaso Nova Galicia Banco non é unha entidade sistémica a nível galego, cando detenta arredor do 40 por cento dos aforros deste País, por iso considera que está máis que xustificado reclamar a súa conversión en banca pública.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG