Jorquera chama "psicodélico" ao PP por confundir "democracia participativa" co encargo dun informe

Para o deputado, as propostas do informe  do Comite de expertos sobre a refoma tributaria representan "un atraco" á cidadanía

Jorquera na comisión de Economía

O parlamentario nacionalista cualificou de “vella táctica” dos populares utilizar o Comité de expertos para que avalen propostas "ao servizo de determinados intereses" para que logo o Goberno  introduza unha pequena rebaixa e dicir que “non era para tanto".

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera cualificou hoxe de “interpretación psicodélica do PP” definir como “democracia participativa” o encargo dun informe sobre a reforma do sistema tributario español a un Comité de expertos.

O nacionalista, que defendeu unha proposición non de lei para que o Parlamento galego rexeitara as recomendacións do comité, afirmou que  o Partido popular volve a utilizar a “vella táctica” de escudarse “en presuntos expertos” que avalen proposta que resultan  un auténtico “atraco”. Posteriormente, o Goberno introducirá unha pequena rebaixa sementando primeiro a alarma para dicir despois, “non foi para tanto.

O grupo do PP que vote o que queira, dixo Jorquera, visiblemente enfadado, pero que non “se cachondee da oposición” porque está á espera de que sexa un feito consumado para aplicar as recomendacións dos expertos e moito menos non  disfracen este encargo de “democracia participativa”. O propio Sr.Feijóo, engadiu “lávase a cara” dicindo que non lle importan as propostas e mesmo adianta que “non aceptará ningunha das súas recomendacións para restar a Galiza a capacidade de financiamento dos servizos públicos”, sen embargo, recalcou, estamos convencidos de que agarda a que sexa “un feito consumado”.

Francisco Jorquera

O BNG pode aportar 50 expertos que dirán todo o contrario do que dixeron os elixidos polo Partido popular polo que reiterou a súa petición para que o Goberno español non as teña en consideración por atentar contra a autonomía fiscal de Galiza.

O PP vota en contra da devolución do céntimo sanitario

Por outra parte, na comisión de economía celebrada, hoxe no Parlamento galego, o Partido popular tamén rexeitou outra iniciativa defendida polo portavoz do grupo parlamentario para reintegrar as cantidades abonadas polo “céntimo sanitario”.

Jorquera aludiu á sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que declarou contrario ao dereito comunitario a aplicación deste imposto sobre os hidrocarburos, resulta evidente, manifestou, o grande alcance desta sentenza que cuestiona a estrutura impositiva que recae sobre os cidadáns e sectores económicos como o do transporte con grande peso na economía galega.

O deputado reclamou instar á Xunta a suprimir o tramo autonómico do “céntimo sanitario” e promover unha reforma fiscal progresiva para “que pague máis quen máis teña e gravando as rendas do capital.”

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG