Jorquera arrinca un compromiso do Congreso a prol dos servizos ferroviarios de cercanías

A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou a proposición non de lei do portavoz do BNG, Francisco Jorquera, que insta ao Goberno a executar os estudos do Plan para a implantación dos servizos ferroviarios de cercanías na Galiza, que contou cunha dotación nos Orzamentos de 2011 e outra para este ano 2012.

Ademáis, a proposición acordada e consensuada co grupo popular, insta ao Ministerio a crear unha Xerencia de Cercanías en Galiza para que, en colaboración coa Xunta, estabeleza os obxectivos e compromisos tendentes á implantación das cercanías. Por último, demanda que Fomento analice coa Xunta o aproveitamento e funcionalidade dos tramos ferroviarios, e as estacións que fican fóra de servizo debido á posta en funcionamento das novas liñas de alta velocidade.

A iniciativa visa a criación dunha Xerencia de Cercanías en Galiza

Jorquera puxo de manifesto as carencias existentes na rede interior: a duración da viaxe entre Lugo e Ourense é de hora e media están a 103 quilómetros de distanza. O mesmo sucede entre Ferrol e A Coruña.

Un servizo fundamental nas áreas metropolitanas

O deputado do BNG defendeu a necesidade deste servizos nas áreas urbanas galegas. De feito, puntualizou, “hai liñas actualmente catalogadas como rexionais que por prestar servizo en áreas metropolitanas como Ferrol-A Coruña, Vigo-Pontevedra ou Santiago-Vilagarcía, no futuro poderían ter a consideración de liñas de cercanías”.

Mencionou a situación de A Coruña onde miles de persoas que residen noutros municipios da periferia se desprazan todos os días á cidade e á inversa. Unha circunstancia que provoca permanentes atascos nas vías de acceso e saída á cidade. “Resulta que existe unha liña ferroviaria entre Betanzos e A Coruña totalmente infrautilizada que pasa por Cambre, A Barcala e O Burgo, cunha importante poboación. “Unha liña que podería servir de soporto para un servizo de cercanías”.

Unha emenda por 400.000 euros

Jorquera demandou que non se desmantelen as vías que fican en desuso porque poderían ser aproveitadas para a implantación de novos servizos. Lembrou que nos Orzamentos Xerais do ano pasado e grazas a unha emenda do BNG, introduciuse una partida de 400.000 euros para a realización dun Estudo para a implantación de servizos de cercanías.

Jorquera demanda que non se desmantelen as vías en desuso porque son moi aproveitábeis

A pesar das preguntas de control do BNG para coñecer o estado desta partida, nen o anterior Goberno nen o actual ofreceron informació,n “pero deducimos que está pendente de execución”. Por iso demandamos a súa execución imediata.

Explicou que o novo trazado entre Santiago e A Coruña xa provocou o peche de 8 estacións, “lista á que se engadirán outras 10 que quedarán fóra de servizo entre Redondela e Santiago”. Ademáis, outras 45 estacións, entre Ferrol e A Coruña, entre A Coruña e Lugo ou entre Monforte e Ponferrada, están pendentes. No que atinxe á liña Santiago-Ourense-Zamora, vanse pechar 22 estacións ao tráfico de viaxeiros aínda que se manterán para o transporte de mercadorías. De aí a necesidade de facer un Plan específico.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG