Jorquera ao PP: “Hai marxe para outras políticas que nos saque da ruína"

Jorquera

O parlamentario defendeu corenta emendas ao articulado do Proxecto de lei de Orzamentos para establecer prioridades en gasto social, emprego e riqueza

Francisco Jorquera

Pleno. No debate sobre o Proxecto de lei de orzamentos xerais de Galiza para o 2015, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu corenta emendas o articulado destinadas a establecer como prioritario o gasto social, blindar os servizos públicos e crear emprego.

Para o deputado, “hai marxe, dentro do estreito corsé actual, para facer outras políticas” polo que reclamou “un cambio de rumbo” centrado nas reformas fiscais, asegurar o gasto social e non recorrer a colaboración público-privada para financiar servizos públicos básicos e evitar que “se faga negocio” á costa dos servizos e infraestruturas públicas hipotecando ademais a Facenda como aconteceu coa autovía da Costa da Morte.

Fronte os recortes, máis políticas sociais

Jorquera defendeu operar sobre os ingresos ante o “medre escandaloso das desigualdades e exclusión social”. Para isto, dixo, resulta urxente mellorar a equidade e progresividade do sistema fiscal e dende o BNG propoñemos reducir o mínimo exento do imposto de patrimonio ata os 300.000 euros e incrementar o tipo impositivo para os grandes patrimonios.

Jorquera tamén pediu establecer un imposto sobre os grandes establecementos comerciais, como existe noutras comunidades, o que proporcionaría á Facenda galega uns ingresos anuais de 25 millóns de euros. Un imposto sobre depósitos bancarios aplicábeis ás entidades que operan en Galiza, que segundo o nacionalista aportarían 165 millóns de ingresos adicionais así como unha escala progresiva no IRPF “elevando o gravame nas rendas máis altas”.

Jorquera defende corenta emendas contra o articulado dos Orzmentos 2015

Todas estas reformas impositivas, afirmou, permitirían incrementar a “recadación en máis de 250 millóns de euros”.

Recuperar progresivamente a oferta de emprego e poder adquisivo d@s traballadore@s

En Galiza, explicou, o número de desempregad@s alcanza cifras históricas polo que resulta urxente reforzar os servizos públicos e impulsar “políticas contracíclicas” que favorezan a recuperación.

“As nosas emendas propoñen corrixir as limitacións de emprego público e elevan a taxa de reposición do 50% ao 100%”.

Outras emendas, engadiu van encamiñadas a recuperar o poder adquisitivo dos empregad@s públicos, “por unha razón de xustiza”. A Xunta e o Goberno central, denunciou, fixeron recaer sobre este colectivo os recortes orzamentarios e estes recortes salariais serven de referencia ao sector privado.

Vivir dun salario non garante vivir con dignidade

Jorquera insistiu no novo modelo social implantado onde vivir dun salario non garante vivir unha vida digna, “as súas políticas contraen a demandan, reducen o consumo e dificultan a recuperación”, recalcou.

Ademais, esixiu restituír “integramente as pagas extraordinarias e o aboamento íntegro da paga extra de Nadal do 2012”.

Sobre este asunto, cualificou de “tomadura de pelo” que a Xunta presente agora un abono, en dous exercicios, do 25% desta paga como “unha graciosa concesión” cando o fai baixo a aplicación de sentenzas favorábeis aos traballador@s.

Evitar a asfixia das Universidades

O parlamentario do BNG propuxo transferir ás universidades galegas os fondos necesarios para o abono integro da paga extra do 2012 e evitar a súa “asfixia” económica coas retribucións adicionais contempladas no artigo 35.

No mesmo sentido, defendeu que as universidades poidan, durante o 2015 proceder á provisión temporal de postos de persoal docente e investigador para cubrir as necesidades.

 Montes comunais, punto de partida para un novo modelo forestal

Nesta materia, propuxo incorporar unha nova disposición que modifique a Lei de Montes para asegurar a continuidade dos montes en man común, co fin de impedir entregar a súa xestión a empresas privadas co escusa de “falsas débedas” das comunidades de Montes con convenios ou consorcios coa Administración.

O parlamentario reiterou que só “cun cambio de rumbo político ” será posible mudar a realidade. Os orzamentos que presenta a Xunta para o 2015 representan “máis ruína e precariedade para o noso País,” concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG