O candidato do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, parabenizou a multitudinaria manifestación protagonizada pola sociedade catalana onte, una paso adiante cara á soberanía nacional.
Jorquera afirma que fronte a brutal recentralización que está a practicar o Goberno de Rajoy, co visto bón do Presidente da Xunta, Catalunya e Euskadi avanzan cara á soberanía nacional como puidemos ver onte nas rúas de Barcelona. É o turno de Galiza, tócalle ao noso país dar un paso cara adiante porque o 21 de Outubro nos xogamos moito.
O candidato nacionalista deixa claro que na Galiza só hai unha ferramenta para dar ese paso: dar máis forza ao BNG. Somos unha formación nacionalista galega que ten claro que o futuro de Galiza e a superación da crise pasa porque teñamos o control da nosa economía, pasa porque poidamos xestionar nós o país sen que nos digan de fóra o que temos que facer.
O PP pasa de Galiza
O futuro de Galiza como nación está en risco o 21-O posto que a realidade está a demostrar que Feijoó entregou o país a mans e poderes foráneos para que dirixan as políticas a adoptar. Non hai defensa de Galiza e así o vemos co naval, con Alcoa, coa pesca e os afectados por ficaren fóra do Acordo de Pesca con Mauritania, ou co leite galego que segue a ser o pior pagado do Estado, sinalou Jorquera.
Para o candidato do BNG á Presidencia da Xunta é hora de reforzar e ampliar o autogoberno co obxectivo de adoptar políticas para unha saída xusta á crise. Un pobo precisa controlar a súa economía para poder poñela ao servizo dos seus habitantes. A crise estanos a dar unha lección que non podemos esquecer: a falla de soberanía leva a menos democracia e a que Galiza estea en máns de desaprensivos que dirixen a miles de quilómetros.