Jorquera afirma que a Xunta permitiu que os directivos saqueasen as caixas

O deputado do BNG Francisco Jorquera afirmou hoxe en declaracións aos medios de comunicación que “os diretivos puideron saquear a caixa porque a Xunta non exerceu as súas funcións de supervisión e mesmo blindou a súa permanencia nos cargos”.

O BNG, tal e como subliñou o deputado nacionalista, “se congratula pola decisión adoptada polo xuíz da Audiencia Nacional de estabelecer unha contiosa fianza a catro ex directivos das caixas galegas”. Jorquera lembrou que o xuíz fundamentou a súa decisión en que había indicios serios de criminalidade por parte dos ex directivos e, tal e como indicou o deputado do BNG, “agora a xustiza debe actuar con todas as consecuencias á hora de depurar as responsabilidades de índole penal nas que puidesen ter incurrido”.

Francisco Jorquera fixo especial fincapé nas responsabilidades de índole política e opr iso afirmou que “debe constituírse xa a comisión de investigación sobre as caixas galegas en canto se constitúa o Parlamento Galego”.

“O PP, co apoio do PSOE, modificou a lei de caixas de Galiza para blindar a permanencia dos directivos desas entidades, suprimindo os límites de idade existentes na lei de caixas”, acrecentou Jorquera, ao tempo que tamén lembrou que Feijóo asinou o protocolo de fusión das caixas que permitiu a continuidade destes directivos “que se aproveitaron desas circunstancias para modificar os seus contratos e perpetrar un saqueo”.

Para o BNG, “é evidente que a Xunta de Galiza non exerceu debidamente as súas funcións de supervisión sobre as caixas galegas e esa inhibición permitiu que os ex directivos saqueasen esas entidades e con iso os cartos de milleiros de galegos e galegas”.

Fracisco Jorquera quixo lembrar finalmente que a Xunta segue inhibíndose xa que Julio Fernández Gayoso “segue sendo directivo da fundación NovaCaixaGalicia e reclamamos da Xunta que exixa a súa saída inmediata da dirección e que lle demande responsabilidades”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG