O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, advertiu hoxe de que o PP quere dar un auténtico pucheirazo eleitoral nas próximas eleccións galegas porque sabe que xa non ten a maioría na sociedade.
Jorquera interveu esta tarde en Pontevedra no acto central do BNG con motivo do Día da Galiza Mártir. O acto celebrouse na praza de Curros Enríquez, e homenaxeou a Alexandre Bóveda, asasinado o 17 de agosto de 1936 na Caeira (Poio) polo fascismo.
O acto contou coa presenza de numeroso público así como de militantes e representantes institucionais e orgánicos do BNG.
O candidato nacionalista acusou ao Partido Popular de degradar o Parlamento Galego, a máxima institución representativa do noso pobo e tamén de querer impedir que sexa a expresión da pluralidade real da sociedade, que sexa a expresión da verdadeira vontade do pobo galego.
Neste sentido, advertiu de que aínda que o PP ten maioría absoluta no Parlamento sabe que xa non a ten na sociedade e por iso queren dar un auténtico pucheirazo eleitoral nas próximas eleccións galegas recortando o número de deputados do Parlamento Galego, para primar aínda máis a sobre-representación das provincias de Lugo e Ourense -nas que o PP obtén mellores resultados- e así conseguir máis escanos con menos votos.
As ideas do BNG son as ideas de Bóveda: Soberanía, democracia e traballo
Por outra parte, Francisco Jorquera afirmou que as ideas de Bóveda están plenamente vixentes e son as que defende o BNG, baseadas en tres eixos: soberanía, democracia e traballo.
Soberanía -explicou- porque a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia, a que as decisións se tomen en ámbitos que non emanan da vontade dos pobos.
Democracia porque a democracia é algo máis que votar cada catros anos; a democracia é o exercicio do poder do pobo e para o pobo, subliñou.
E traballo porque nós non estamos cos especuladores, estamos co mundo do traballo, e ter un traballo digno en Galiza é un dereito e non un privilexio.
O nacionalismo e a defensa das maiorías sociais eran os elementos vertebradores do pensamento de Bóveda
Por último, Francisco Jorquera salientou que para Alexandre Bóveda e para o Partido Galeguista o nacionalismo non era un adxetivo, un ingrediente máis, senón que era o elemento vertebrador do seu pensamento.
Do mesmo xeito, o candidato do BNG á presidencia da Xunta salientou que o político do Partido Galeguista sempre tomou partido polos de abaixo, porque para el o nacionalismo estaba vencellado á defensa dos intereses das maiorías sociais.
http://youtu.be/k_y5sTDUkIg