A deputada ourensá Noa Presas defendeu hoxe que o Parlamento exixira á Xunta a atender as veciñanza alaricana e a incrementar unha aula de infantil no CEIP Pai Feixoo para o curso 2018-2019.
A deputada lamentou que “onte o xa ex conselleiro de ensino Román Rodríguez abandone o cargo sen rectificar o abuso da súa consellaría ao negarse a aumentar unha aula no CEIP Pai Feixoo de Allariz, pero preferiu negar a realidade e mentir dicindo que era un criterio técnico, se así é escusaban nomear nova conselleira e podían aforrar a cadeira.”
Presas denunciou a hipocrisía “dun PP que vota unha cousa en Allariz para lavar a cara e outra no Parlamento porque non ten diante os pais e nais, un PP que polo día presume do moito que aposta polo rural e pola noite recorta profesorado”.
A deputada denunciou que “é falso que haxa criterios técnicos porque até o último momento a Inspección informaba de que se manterían tres aulas, e iso mudouno unha decisión política” así como que é “ridículo que o PP diga que hai criterios pedagóxicos, porque ningún pedagogo ou pedagoga, ningún docente, vai dicir que é mellor ter dúas aulas de 25 e 26 crianzas en vez de tres con menos de 20, é ridículo, asuman que operan única e exclusivamente por criterios orzamentarios”.
Con esta actitude o PP demostra que “no lugar de incentivar a fixación de poboación ofrecendo un ensino de primeira sen masificacións prefiren seguir con políticas que favorezan que Ourense siga sendo a provincia que ten máis pensionistas que ocupados e que máis poboación entre os 25 e os 45 anos perde”
Presas lamentou que o PP condene ao CEIP a unha masificación innecesaria que vai en detrimento dunha mellora da calidade no ensino. Aproveitou a quenda para parabenizar á veciñanza alaricana e insistiu en que o BNG non desistirá e reiterará a petición no futuro “é unha vergonza porque buscar un ensino de calidade debera ser unha prioridade para a Xunta e este colectivo non está pedindo nada extraordinario, senón o cumprimento da lei”.