Guillerme ve "miserábel" os recortes de Feijoo nos servizos sociais dos concellos

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou hoxe os recortes do Goberno do PP nas aportacións da Xunta aos concellos galegos de menos de 20.000 habitantes para a prestación de servizos sociais, especialmente o servizo de Axuda no Fogar. Por iso, non dubidou en cualificar de “miserábel” esta política do goberno de Feijoo porque “o que está facendo é incrementar a miseria e a exclusión social”.

O portavoz nacional compareceu esta mañá en rolda de prensa canda alcaldes e alcaldesas do BNG para denunciar esta situación que afectan ao 93% dos concellos galegos e que xa ten obrigado a varios municipios e prescindir da axuda no fogar, un servizo do que son usuarios miles de persoas, especialmente de idade avanzada e dependentes.

Con Feijoo a Xunta recortou en case un 50% as axudas para servizos sociais nos concellos

Así, a alcaldesa de Tomiño e membro da Executiva Nacional, Sandra González denunciou que co decreto do 16 de marzo, “o goberno da Xunta desatendeu e desentendeuse das necesidades socias da xente nos concellos de menos de 20.000 habitantes”. Lembrou que en Galiza temos 315 concellos e só 22 deles teñen máis de 20.000 habitantes. Por iso, advertiu de que “o goberno de Feijoo desentendeuse da prestación dos servizos sociais e da axuda no fogar a persoas necesitadas do 93% dos concellos galegos”.

Este desleixo das súas competencias por parte do Goberno de Feijoo “obrigará aos concellos que poidan seguir co servizo a asumir esa parte do custo que aportaba a Xunta”. Ademais, a decisión do goberno galego incrementa as achegas dos usuarios e usuarios, boa parte deles nunha situación socioeconómica delicada.

“Feijoo mente cando di que a política de recortes non afecta o benestar das persoas. Afecta e directamente as persoas máis vulnerábeis e aos concellos con menos recursos”

A nivel orzamentario o SAF está incluído na partida global do Plan Concertado que se viu reducido dende o ano 2009. Neste sentido, a alcaldesa de Tomiño denunciou que durante o Goberno de Feijoo recortáronse en case un 50% as aportacións da Xunta pasando de 20 millóns de euros en 2010 a 16 no 2011 e no 2012 reduciuse a 12,4 millóns de euros. Un recorte que se agrava nunha situación na que as persoas están nunha grave situación de risco e exclusión social.

Engadiu que o recorte estimado na partida desglosada de Servizo de Axuda no Fogar respecto ao ano 2010 suma uns 4 millóns de euros, “unha cantidade irrisoria no orzamento global da Xunta, que destina a outras actuacións que si son superfluas”.

Ademais, lembrou que “a isto temos que engadir os atrasos da Xunta na concesión das subvencións”.

Por iso, fixo un chamamento “ao resto de gobernos locais que non son do BNG a que se opoñan a esta situación inxusta e a que non antepoñan os intereses do PP e defendan os intereses dos seus veciños e veciñas”.

A FEGAMP, incluído o PP, rexeitou estes recortes do goberno de Feijoo

Pola súa parte, o alcalde de Allariz e representante do BNG na FEGAMP, Francisco García lembrou que “o BNG trasladou unha proposta, aprobada por unanimidade -incluído o PP- na Comisión Executiva da FEGAMP, para que a Xunta mantivese as consignacións ao nivel do ano 2010 para a prestación de servizos sociais por parte dos concellos, e seguísemos mantendo unha única relación burocrática coa Xunta de Galiza en materia de servizos sociais”.

Ademais, Francisco García salientou que “non é de recibo que a Xunta a través dun decreto diga que as responsabilidades de servizos sociais nos concellos de menos de 20.000 habitantes son a partir de agora das Deputacións e non da Xunta”. “Unha decisión unilateral para intentar xustificar as deputacións”, apostillou.

Por iso, considerou de xustiza que “a FEGAMP diga non a estas medidas da Xunta, porque non é lóxico diga a Xunta diga que non quere saber nada nos programas sociais de axuda no fogar dos concellos de menos de 20.000 habitantes e lle pase a responsabilidade ás deputacións”.

Despedimentos de persoal de servizos sociais nos concellos

Pola súa parte, Secundino García Casal, alcalde de San Sadurniño, un concello de pouco máis de 3.000 habitantes, denunciou que “que este ano xa estamos sufrindo as consecuencias deste recorte, ao igual que moitos outros concellos galegos”.

Cos recortes do PP moitos concellos galegos non poderán seguir prestando o Servizo de Axuda no Fogar

Así, explicou que “estes días a Xunta está confirmando as axudas que nos corresponden para este ano e que son menos do 50% do ano pasado”. Igualmente, criticou que “os concellos de menos de 20.000 non podemos recibir fondos da Xunta para facer labor preventiva nos servizos sociais, para convertelos en mero asistencialismo”.

Do mesmo xeito, lembrou que “a maioría dos pequenos concellos temos o persoal de servizos sociais en plantillla”, polo que advertiu de que “estes recortes obrigan a moitos concellos prescindir de traballadores”.

Moción do BNG nos concellos

Ante esta situación, o alcalde de Bueu e tamén membro da Executiva Nacional, Félix Juncal, informou de que o BNG está a presentar unha moción nos concellos galegos instando á Xunta de Galiza a:

a) Manter o financiamento dos gastos derivados da prestación do Servizo de Axuda no Fogar Básico ás corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, así como asegurar un financiamento equivalente ao de anos anteriores aos concellos de máis de 20.000 habitantes.

b) Contribuír economicamente ao mantemento da totalidade dos servizos sociais comunitarios dos concellos.

c) Non incrementar a participación económica das persoas usuarias no custe do Servizo de Axuda no Fogar.

d) Derrogar o decreto e negociar outro no marco da FEGAMP.

Guillerme ve “miserábel” estes recortes do Goberno de Feijoo

Ante esta situación, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez cualificou de “miserábel” que o goberno de Feijoo recorte nos servizos sociais dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Lembrou que “o PP difunde que os recortes son en gasto superfluo e que non afectan a servizos básicos dos cidadáns”. Un slogan que Guillerme cualificou de “falso, porque como vemos a austeridade de Feijoo consiste en facer pagar os platos rotos aos sectores sociais máis febles da sociedade”.

Por iso non dubidou en afirmar que “a política do PP é unha política miserábel porque incrementa a exclusión social”.

Por último, criticou que “o PP, coma sempre, en lugar de asumir as súas responsabilidades, practica o escapismo, non asume o seu deber e pásallo a outras administracións, sen sequera acordalo con elas”.

http://youtu.be/W6rsSf57zxU

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG