Guillerme, en RNE: "A Feijóo non lle saen as contas"

A Feijóo non lle saen as contas e por iso vai recorrer a un auténtico "pucheirazo" para tentar gañar as vindeiras eleccións galegas, afirmou hoxe Guillerme no curso dunha entrevista con RNE-Galiza.

Como queira que o PP está disposto a impor ao resto das forzas políticas parlamentares unha reforma antidemocrática da lei eleitoral, o que sería inconcebíbel nunha democracia minimamente avanzada, Guillerme ve no "pucheirazo" o "remate indigno dunha xestión que corresponde ao pior presidente da historia de Galiza".

"Se fose pouco non ter absolutamente ningún balanzo de xestión que presentar ao pobo galego, con Galiza nunha situación de auténtica emerxencia nacional, o señor Feijoo vai rematar o seu ciclo político con indignidade", afirmou Guillerme.

Perpetuarse no poder

Para o portavoz nacional, a Feijóo non lle saen as contas e por iso está disposto a perpetrar unha sorte de golpe de Estado para se perpetuar no poder.

Ante a argumentación utilizada por Feijóo para xustificar a contrarreforma da lei eleitoral, basicamente a do aforro, Guillerme refutouna de forma contundente: "Feijóo minte. Hai que dicelo así. A Feijóo o que lle sobra é a democracia".

Outras vías para aforrar

Se realmente o PP quixer aforrar, hai outras vías distintas ás de degradar a calidade da democracia no noso país: "Se quere aforrar, que suprima as campañas masivas de publicidade" que impulsa a Xunta ou que propoña "reducir o salario das e dos deputados, sen tocar o seu número". Tamén pode propor, como leva feito o BNG, a supresión das Deputacións, dos ministerios que invaden competencias autonómicas exclusivas, da Delegación do Goberno en Galiza...

A Feijóo o que lle sobra é a democracia

Guillerme acusa o PP de, coas súas políticas, ser o responsábel dunha auténtica involución económica, socia e agora tamén das liberdades democráticas -"esas que tanto nos custou conseguir, ben, a uns custounos máis que a outros"- dixo.

As liberdades democráticas, enfatizou, non se poden ver limitadas por decisións -"golpes de Estado", cualificounas- dun grupo político que no fondo o único que perseguen é recuperar "o vello modelo do Estado franquista".

A Galiza oficial de Feijóo

Interpelado a respeito de que Feijóo presenta a Galiza como modelo para o resto do Estado, Guillerme retrucou: "Modelo de que? Acabamos de coñecer os últimos dados da EPA. Pois ben, o 20 por cento dos novos parados no conxunto do Estado son galegos e galegas, cando a poboación galega non chega nin ao 6 por cento da estatal. Esa é realidade, a Galiza real que cada día está a unha distancia máis sideral da Galiza oficial na que vive instalado o señor Feijóo".

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG