O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe que Alexandre Bóveda estou seguro que hoxe defendería unha Banca Pública Galega como defende o BNG.
Guillerme fixo estas declaracións esta mañá en Poio no acto de homenaxe organizado polo Concello de Poio a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir.
As ideas de Bóveda teñen plena vixencia neste momento
O portavoz nacional afirmou en declaracións aos medios que como cada 17 de agosto os nacionalistas galegas lembramos a Alexandre Bóveda, que o temos na memoria e no corazón.
Neste sentido, Guillerme salientou que nun momento como este as ideas de Alexandre Bóveda teñen plena actualidade: segue sendo necesario loitar pola democracia e pola soberanía nacional para Galiza, pola autonomía fiscal que tanto reivindicaba Bóveda. En definitiva, buscar unha saída para a maioría social, que ten que pasar por maior capacidade de autogoberno e por capacidade de decisión de Galiza fronte a Bruxelas e Madrid. asegurou.
Alexandre Bóveda hoxe tamén defendería a Banca Pública Galega
Ademais, o portavoz nacional do BNG advertiu de que Bóveda, que impulsou a Caixa de Aforros de Pontevedra, quedaría abraiado polo desmantelamento das caixas de aforros.
Un modelo -denunciou- que está desaparecendo por decisión da gran banca e do Fondo Monetario Internacional, pois as caixas non lles interesan.
Por iso, Guillerme afirmou que estou seguro que Bóveda hoxe estaría apostando pola Banca Pública Galega, como fai o BNG, fronte a este intento de concentrar o negocio financeiro en moi poucas mans, un camiño que para Galiza é absolutamente negativo.
Solución política para os estafados polas preferentes
Por outra parte, o portavoz nacional do BNG denunciou que segue sen haber unha solución para a estafa das participacións preferentes.
A este respecto afirmou que basta xa de tomaduras de pelo e reclamou que os gobernos o que teñen é procurar unha solución política.
E os estafados polas preferentes -engadiu- teñen dereito a recuperar o que é lexitimamente deles: os seus cartos. E todo o demais é darlle voltas e enganar á xente, concluíu.
Ás 20:30 horas acto central do BNG con motivo do Día da Galiza Mártir
Por último lembrar que o acto central do BNG con motivo do Día da Galiza Mártir terá lugar esta tarde, ás 20:30 horas, na praza de Curros Enríquez de Pontevedra. Intervirán, entre outros, Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza.
http://youtu.be/ls5FYHSdeds
http://youtu.be/oCzb9aY6XZ4