Guillerme: "Na desfeita das caixas galegas, Feijóo e o PP teñen moito, moito que agochar"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegura que “o señor Feijóo e o PP impiden que se cree xa a Comisión de Investigación das Caixas porque teñen moito, moito que agochar”.

Guillerme fixo estas esta mañá declaracións na Coruña despois de reunirse con traballadores e traballadoras de Industrias Caamaño, MAFECCO, Alcoa e EMESA Trefilería, todas elas empresasa da Coruña afectadas por despedimentos colectivos (ERE´s ).

O BNG felicítase pola actuación da Fiscalía

Na rolda de prensa posterior, Guillerme asegurou en declaracións aos medios que “o BNG felicítase pola actuación da Fiscalía Anticorrupción a respecto das indemnizacións ultramillonarias que directivos das caixas galegas se outorgaron a si mesmos”, unha actuación da Fiscalía que se fai a instancias dunha denuncia da CIG.

O portavoz nacionalista subliñou que “algúns membros dos consellos de administración das caixas foron pezas claves para que a fiscalía anticorrupción acabase actuando contra estas persoas”.

“Feijóo e o PP frean a Comisión de Investigación porque teñen moito que agochar”

Neste contexto, o portavoz nacional do BNG aedvertiu que “na saída que se lle deu ás caixas galegas, o señor Núñez Feijóo participou entusiásticamente dela, xa que, entre outras actuacións do señor Feijoo, co apoio do PSOE, modificou no seu momento a Lei de Caixas para permitir a continuidade de directivos que hoxe se revela que actuaron da maneira que actuaron”.

Neste sentido, Guillerme volveu reclamar que se cree xa unha Comisión de Investigación no Parlamento Galego “máis que necesaria porque temos dereito a saber a verdade.” Guillerme denunciou que “o PP e o señor Feijoo séguena negando porque teñen moito, moito que ocultar, tamén responsabilidades políticas”.

A indemización do ex-director xeral de Caixa Galicia é igualmente intolerábel

Ademais, o portavoz nacional do BNG precisou que “nos segue parecendo igual de intolerábel a indemnización que no seu momento recibiu o señor Méndez”, que non está sendo investigado porque a súa indemnización foi amañada antes da fusión das caixas e a denuncia da CIG ante a fiscalía refírese ás indemnizacións de Novacaixagalicia, a caixa fusionada.

Reunión con traballadores de empresas afectadas por despedimentos colectivos

Polo demais, na reunión cos traballadores de empresas da comarca da Coruña afectadas por ERE´S, un encontro no que tamén participou o portavoz municipal, Xosé Manuel Carril, o BNG comprometeuse a seguir trasladando as reivindicacións dos traballadores destas empresas ao Parlamento Galego, á Deputación da Coruña e tamén ao Congreso dos Deputados e aos concellos da comarca.

Guillerme advertiu de que a situación crítica pola que atravesan estas empresas “é a expresión da desaparición de emprego industrial en Galiza a un ritmo cada vez máis acelerado”.

Neste sentido, anunciou que “trasladámoslle o apoio político do BNG, pero tamén demandamos do goberno da Xunta de Galiza que cando menos se preocupen por esta situación, porque nin tan sequera os representantes dos traballadores son recibidos polo goberno de Feijoo e non lles están a prestar ningún apoio”.

“Non é tolerábel -denunciou- que nunha sociedade democrática que en empresas como Industrias Caamaño os traballadores leven 8 meses sen cobrar, con represións sindicais e que nin tan sequera a Administración lles preste amparo”.

“Esta é a Galiza real, na que a xente sufre moitos problemas e desaparece o tecido industrial, moi diferente da Galiza oficial que nos vende Feijoo”, subliñou o portavoz nacional do BNG.

http://youtu.be/gkq9ZNHRFQk

http://youtu.be/TGRcMMNol-k

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG