Guillerme manifesta o apoio do BNG á folga xeral porque "hai razóns sobradas para protestar"

Santiago de Compostela, 6 Novembro 2012. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, amosou esta mañá en rolda de prensa o apoio do BNG á folga xeral convocada para o vindeiro 14 de novembro porque “hai razóns máis que sobradas para protestar e para esta convocatoria”, ao tempo que transmitiu o seu apoio aos traballadores e traballadoras do xornal “El País”, ante os despedimentos nesta cabeceira.

O líder nacionalista fixo especial fincapé en que as consecuencias económicas da política levada adiante polo PP “e ditada pola troika”, evidencian cada día máis que son catastróficas para a maioría social. Seguen o esquema de saquear o pobo para seguir trasvasando a unha minoría que se enriquece cada día máis”.

Nesta liña, Guillerme cifras do paro no mes de outubro que, tal e como lembrou, “seguen a mesma tendencia, seguen aumentando por milleiros os parados e paradas e incrementándose máis que a media do país”. Falou o portavoz nacional “da política sen alma do PP, quedando na estacada a milleiros de persoas que quedan na rúa e seguen debendo cartos aos bancos”.

Guillerme lembrou que o BNG leva tempo presentando iniciativas para promover a dación en pago “hai moito tempo, con escaso apoio”.

Referiuse tamén aos estafados e estafadas polas preferentes ou ás prácticas de empresas que aproveitan para recortar os salarios dos traballadores e traballadoras”.

O líder do BNG apuntou que “é difícil crear emprego neste país se se deixan desaparecer os sectores primarios do noso país ante a indolencia máis absoluta do señor Feijóo”. Neste sentido perguntouse “por que será que no noso país se paga o leite máis barato que no resto do estado español. A explicación é que o PP non move un dedo para tentar corrixir esa situación”.

“Segue sendo necesario loitar por cambiar esta política letal para a maioría social”, continuou, “e nesa loita está a folga xeral do 14 de novembro”.

En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a viaxe de Feijóo a Brasil, Guillerme desexoulle ao presidente da Xunta toda a sorte na busca de contratos para estaleiros galegos mais insistiu en que “todos os contratos non poden ser unha cortina de fume para non abordar os problemas estruturais do naval en Galiza: o veto á construción naval civil e o tax lease”.

 

http://youtu.be/IkykZARDEFQ

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG