O BNG, diante da gravidade dos últimos acontecementos xurdidos no marco das operacións xudiciais Manga e Pokemon, esixe a dimisión do grupo de Goberno local e a convocatoria de eleccións anticipadas para darlle voz e decisión á cidadanía contra a corrupción do PP de Compostela. Feijóo ten que elixir entre os intereses do PP ou os intereses da cidade, afirmou Guillerme Vázquez, e nese sentido o BNG é portavoz da preocupación da veciñanza de Santiago e por iso insta ao PP, que ten a maioría absoluta, a buscarlle unha saída limpa a esta situación.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a responsábel local, Goretti Sanmartín, e o portavoz municipal, Rubén Cela, anunciaron durante un almorzo informativo que a formación nacionalista participará na manifestación nacional, convocada por diversos colectivos, contra a corrupción e pola soberanía que está prevista para o vindeiro domingo 3 de marzo ás 12:00 na alameda compostelá.
Guillerme Vázquez citou ao humorista O Carrabouxo que se referiu a Santiago de Corruptela como unha definición acaída aos últimos acontecementos, porque a situación de Santiago nin é normal nin é sostíbel, cando o grupo de Goberno do PP pretendeu facer do Concello de Santiago a cova de Alí Baba, con consecuencias que pagan cada día os veciños e veciñas.
Feijóo é o mestre do escaqueo e non toma decisións como presidente do PP para arranxar esta situación, que pasa ben por formar unha equipa limpa que sexa quen de gobernar esta cidade ou ben por convocar eleccións anticipadas e darlle voz á cidadanía, indicou o portavoz nacional do BNG.
O domingo, manifestación contra a corrupción
Queremos expresar a preocupación fondísima do BNG porque non se resolvan dunha vez e de maneira radical os problemas que lle están a afectar á cidadanía de Compostela e ao seu Goberno, explicou Goretti Sanmartín. Estamos diante dun problema derivado da falta de transparencia e o PP está nun impás terríbel cando nin sequera é capaz de conseguir persoas para formar parte da Corporación municipal porque con esta situación creada é ben difícil que queiran acceder ao cargo ao estar en cuestión mesmo a lexitimidade do alcalde, amparado polo presidente da Xunta, cando nin a base social do PP o apoia, engadiu.
Goretti Sanmartín lembrou as diversas actuacións emprendidas polo BNG, como o acto lúdico e reivindicativo ás portas do Consistorio con vasoiras e fregonas para limpar a corrupción ao tempo da convocatoria do Pleno municipal de xaneiro, e anunciou a convocatoria dun acto para o 17 de marzo ás 20:00 horas na biblioteca Ánxel Casal, acompañado de próximos repartos de material informativo e de conversas co asociacionismo cultural e veciñal de Compostela para explicar a posición do BNG, ademais da manifestación nacional do 3 de marzo contra a corrupción.
Jorquera instará a Feijóo a convocar eleccións anticipadas
Pola súa parte, Rubén Cela avanzou que o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, instará a Núñez Feijóo para que se poidan facer realidade eses comicios adiantados, de acordo co estabelecido no artigo 61 da Lei de Bases de Réxime Local porque consideramos que a situación é gravemente danosa para os intereses xerais e non se están a cumprir coas obrigas constitucionais que tería este grupo de Goberno. É posíbel que o Consello da Xunta pode instar ao Consello de Ministros a iniciar esa tramitación e a dar traslado ao Senado, mentres se crea unha xestora que no prazo de tres meses lle volva dar a voz aos veciños e ás veciñas de Santiago, explicou.
Ademais, indicou que no Pleno deste xoves o BNG levará unha proposición para facer cambios nas persoas e no xeito de proceder deste Goberno do PP de Santiago. Este grupo de Goberno é responsábel colectivamente do que pasou, indicou, por iso debe dimitir no seu conxunto.
O PP, no libro Guinness das malas prácticas políticas
A situación política no Concello de Santiago é insostíbel, non dá para máis, e canto máis tempo se tarde en lle dar unha solución firme e contundente peor será para os intereses de Santiago de Compostela, afirmou. Santiago de Compostela entrou da man do PP no Libro Guinness dos Récords do mal facer e das malas prácticas políticas, indicou Rubén Cela. Así, lembrou que o ex-alcalde Conde Roa acumula tres imputacións e a súa man dereita e actual alcalde xa leva dúas, o concelleiro Vázquez Aldrey, dobremente imputado, xa tivo que deixar o cargo debido ás medidas cautelares que lle impuxeron; a concelleira Rebeca Domínguez tamén está imputada no marco da operación Pokemon; o anterior xefe de gabinete Ángel Espadas imputado e en prisión preventiva; o actual xefe de gabinete tamén imputado e a directora de Seguridade igualmente imputada.
Esta situación crea unha desconfianza total na veciñanza de Santiago cara aos representantes públicos, cara a institución do Concello, a imaxe pública e a reputación da cidade, sinalou. Aínda así, o que máis nos preocupa é como lle afecta á cidadanía e ao propio persoal municipal que mesmo manifestou que así é imposíbel traballar, do mesmo xeito que o PP recoñece a evidencia da súa incapacidade para gobernar na xestión diaria, marcada pola ineficacia, o mal facer e neglixencia de concelleiros e concelleiras do PP que se negan a asinaren facturas, dixo.
Ademais, indicou que a situación se complica cada vez máis e agora o PP ten a obriga de explicar se existen familiares directos da lista do PP na escola infantil que investiga a xuíza de Lugo por contratación irregular.
A dirección do PP tamén debe asumir responsabilidades porque non tomou ningunha decisión para resolver o problema de Santiago de Compostela, mais ben todo o contrario, dixo, pois ratificou a Ángel Currás como alcalde pese a demostrar a incapacidade manifesta para xestionar o día a día da cidade e de estar desprestixiado e deslexitimado ante os veciños e veciñas.