O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez subliñou esta mañá en rolda de prensa o éxito da convocatoria de folga xeral de onte no noso país no que, de xeito especial, tal e como subliñou, tivo relevancia o papel do sindicalismo nacionalista.
Puxo en destaque que a masiva participación cidadá nas manifestacións convocadas onte deixa claro que unha parte importante da sociedade galega está disconforme coas políticas que leva adiante o PP, banca, CEOE, a troika.
Hai que valorar esta convocatoria como a expresión dun importantísimo descontento popular, afirmou. Na mesma liña, afirmou que o PP pode tomar nota ou non deste descontento, e a sociedade debe tomar nota ou non do que faga o PP.
Unha pedra non tira un muro, pero un maremoto si que o fai por moito formigón armado que teña, concluíu.
Desafiuzamentos
En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a proposta de PP e PSOE para resolver a dramática situación das persoas desafiuzadas, Guillerme subliñou que é inaceptábel que a xente perda a súa vivenda e lle siga debendo ao banco.
Guillerme lembrou que o BNG leva anos denunciando esta situación na que se dá agora un agravamento bestial e que ten como consecuencia o asasinato de xente.
Non se trata de ver cales son os límites de ingresos das persoas ou a súa boa fe, en referencia á proposta que barallan PP e PSOE, a solución ten que ir máis ao fondo. Hai que parar en seco os desafiuzamentos e a solución ten que ir por outro lado, en primeiro lugar a dación en pago.
Non podemos aceptar as voces que din que a banca pode quebrar, continuou, para que non quebre a banca, teñen que quebrar as persoas?, perguntouse, ten que quebrar a sociedade enteira?
O portavoz nacional denunciou o tempo que se ten perdido porque PP e PSOE non quixeron abordar este problema e votaron en contra das propostas do BNG e afirmou que a proposta das forzas estatais non resolve o problema porque segue considerando que a banca ten dereito a gañar sempre cando o que hai que facer é defender os intereses da xente que non é responsábel da devaluación do prezo da vivenda.
Mesa do Parlamento
Tamén en resposta ás perguntas dos xornalistas, Guillerme subliñou que a Mesa do Parlamento o normal, en democracia, é que exprese a pluralidade das forzas políticas existentes na cámara galega, xa que dirixe a actividade parlamentar.
O portavoz nacional afirmou que para o BNG non é unha preocupación principal este tema, senón os problemas da xente dos que estamos falando, a violencia da xénero, o paro, as pensións, etc.
http://youtu.be/ovmdAgzVrrk
http://youtu.be/0_BuC1QJaHE