Guillerme advírtelle a Feijóo de que "o PP non é o dono do Parlamento Galego"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiulle hoxe a Núñez Feijóo de que “o PP non é o dono do Parlamento Galego” , tralo anuncio da presidenta da Cámara de pechar ao público as sesións plenarias.

Guillerme fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á reunión do Consello Nacional do BNG, que, entre outras decisións, acordou convocar a Asemblea Nacional para o domingo 17 de marzo.

O portavoz nacional subliñou que a decisión da presidenta do Parlamento galego “non a toma ela unilateralmente, senón que é unha decisión do presidente da Xunta, do señor Feijóo”.

Unha proposta antidemocrática para amordazar á sociedade

En segundo lugar, Guillerme denunciou que a proposta “é antidemocrática e totalmente errada, porque non é o PP o dono, o propietario, do Parlamento Galego”.

Para o portavoz nacional con esta decisión “o PP quere seguir amordazando á discrepancia coas súas políticas nefastas e ocultar a verdade”.

Por iso, advertiu de que “con esta decisión do PP salta todas as liñas vermellas, é inaceptábel e faremos todos os esforzos para que non vaia adiante”.

Proposta do BNG aos demais grupos políticos para parar unha decisión inaceptábel

Neste sentido, anunciou que “decidimos que o Grupo Parlamentar do BNG dirixirase aos demais grupos parlamentares para, entre todos, acordar medidas para evitar que esta decisión do PP se leve a cabo”.

Asemblea Nacional para o 17 de marzo

Ademais, Guillerme informou de que o Consello Nacional decidiu convocar a Asemblea Nacional para o domingo 17 de marzo e aprobar o regulamento da mesma.

“Deste xeito -asegurou- culminarase un proceso de debate iniciado tralas pasadas eleccións galegas co fin de reorientar politicamente o BNG, adaptar a nosa liña política á nova realidade de crise económica e social que estamos a padecer, e para ofrecer ao pobo galego un proxecto político útil para camiñar cara unha Galiza democrática, soberana e con xustiza social, e que recupere a confianza da sociedade galega”.

Este proceso de debate fíxose sen límites previos, de abaixo a arriba. Así nunha primeira fase houbo debates nas asembleas comarcais, onde xurdiron as primeiras reflexións que se transformaron nun documento aberto que se volveu debater nunha segunda fase nas asembleas comarcais.

E ao mesmo tempo, este proceso de reflexión abriuse ao conxunto da sociedade galega a través da iniciativa PROPONCONNOSCO.

Apoio á manifestación deste domingo de Queremos Galego

Por último, o Consello Nacional do BNG reitera o apoio á manifestación de mañá de Queremos Galego en defensa da lingua que nos une como pobo galego.

A manifestación sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago de Compostela.

 

http://youtu.be/x6iqdk0Vd9c

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG