O grupo do BNG disposto a acampar ante o Parlamento europeo en protesta pola devolución do Tax Lease

Comparecencia de Carme Adán ante os medios de comunicación

Carme Adán agarda que a proposta sexa secundada por Feijóo e tod@s os deputad@s da Cámara galega.

O grupo parlamentario do BNG pide  convocar con urxencia un pleno extraordinario ante o anuncio de Almunia sobre a devolución das axudas ao sector naval

A portavoz de industria, Carme Adán anunciou hoxe que o BNG rexistrou un escrito dirixido á Mesa do Parlamento coa solicitude de convocar un pleno extraordinario, a celebrar o vindeiro martes día 2 de xullo, para abordar a decisión da comisión europea relativa á devolución das axudas ao sector naval galego.

A deputada nacionalista tamén anunciou a “vontade” do grupo parlamentario de “acampar ante o Parlamento europeo” en protesta pola decisión da comisión europea e fixo un chamamento á Xunta e ao Presidente Feijóo a secundar esta iniciativa.

Neste sentido, engadiu que si Feijóo quere amosar a súa indignación como afirmou no día de onte, debe encabezar a acampada acompañado dos setenta e cinco deputados da Cámara galega.

Tras o anuncio do comisario de Competencia, Juaquín Almunia sobre o ditame previsto para o 17 de xullo para a devolución das axudas, a través do Tax Lease, a deputada afirmou que “Galiza non está disposta a consentir a destrución do sector naval galego” e fixo un chamamento á cidadanía a apoiar todas aquelas mobilizacións convocadas para os próximos días.

Para a parlamentaria nacionalista a Deputación Permanente do Parlamento debe reunirse con urxencia e convocar o pleno extraordinario porque as decisións de Europa están prexudicando gravemente ao noso país, primeiro foi a pesca, dixo, logo a agricultura e agora tamén queren que desapareza o noso sector naval. “a Unión europea é a ruína do pobo galego”, sentenciou.

Adán rematou a súa comparecencia, ante os medios de comunicación, agardando que o Partido socialista esixa a dimisión do Comisario da Competencia, Joaquín Almunia que utilizou un café informativo para anunciar a peor noticia contra o sector naval galego, un sector en grave crise por decisións tan erróneas como a que agora intenta á Unión europea, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG