A responsábel de Política Municipal do BNG asegura que o Partido popular quer reformar a lei ante a perda de apoio electoral que pon en perigo a súa permanencia nas institucións
A responsábel de Política Municipal do BNG, Goretti Sanamartín, cualifica de antidemocrática a decisión de Mariano Rajoy de impulsar a reforma do sistema de elección de alcaldes.
O PP afirma a nacionalista, non entende de dialogo nin consenso e a súa proposta só pretende perpetuar o bipartidismo eliminando calquera voz discordante. O PP sabe que non conta co apoio electoral necesario para gobernar e utiliza a artimaña da reforma de elección dos alcaldes para perpetuarse nas institucións
Para o BNG, a proposta do PP é inaceptábel e resulta un golpe definitivo a unha democracia xa moi danada polas políticas do Goberno, tanto no Estado español como na Xunta de Galiza, reitera a nacionalista.
O BNG, combaterá a iniciativa do PP nas institucións e socialmente porque de levarse a cabo a reforma proposta por Rajoy sería a primeira vez en democracia que se reforma a lei electoral sen contar co consenso do resto das forzas políticas.
Por outra parte, a responsábel de Política Municipal nacionalista asegura que Feijóo defende con entusiasmo a reforma electoral por que sabe que a maioría social en Galiza rexeita as súas políticas. Medidas políticas, engadiu, que conducen ao pobo galego á ruína e emigración da súa mocidade.
Nun momento no que están a ser despedidos e despedidas miles de persoas, que outras moitas non poden regresar e que un gran número de galegos e galegas non poden vivir dignamente na súa terra, o PP só está interesado en manterse no poder aínda que para iso teña que recorrer en solitario a unha reforma electoral que todas as forzas políticas democráticas rexeitan.
Goretti Sanmartin anuncia que o BNG emprenderá mobilizacións contra unha decisión antidemocrática e caracterizada pola falta de dialogo e consenso.