Galegas 2020

Un goberno na Xunta liderado polo BNG executará as directrices das asociacións ecoloxistas para garantir a seguridade na megaminería

Mina San Finx
Mina San Finx
Ana Miranda denuncia que a Xunta utilice aos seus letrados para defender a cargos imputados pola mina de San Finx

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu a necesidade de seguir mantendo unha estreita relación cos colectivos ecoloxistas galegos que se plasmará, a partir do 12 de xullo, na execución dos criterios internacionais destas asociacións para garantir a seguridade total do almacenamento de residuos mineiros. Os obxectivos da xestión de residuos mineiros debe ser “dano cero para as persoas e o ambiente, e cero tolerancia para as fatalidades humanas”, que segundo a nacionalista “parécenos totalmente axeitado para evitar desastres como os de San Finx, Touro ou Monte Neme”.

“Desde a administracións é imprescindible asumir esas directrices, que faría inconcibibles instalacións de residuos que poidan causar fatalidades humanas, algo que polo que vemos ao PP non lle preocupa en absoluto, xa que está máis centrado en garantir a ganancia dos empresarios amigos”, subliña Ana Miranda nun encontro que mantivo con representantes de colectivos ecoloxistas, do BNG de Noia e Lousame, así como dos candidatos do Bloque ás eleccións galegas, Patricia Torrado e Anxo Núñez, no museo mineiro de San Finx.

Este encontro realízase pola preocupación do Bloque tras a publicación dunha investigación realizada por científicos da Universidade de Vigo segundo a cal a contaminación da ría de Muros e Noia por metais pesados está directamente vinculada á actividade mineira en San Finx. Ao respecto, Miranda denunciou que “é inadmisible que o o mantemento da industria mineira non teña en conta a protección das comunidades e ecosistemas afectados, sacrificando moitas veces a seguridade para reducir costes, utilizando consultores non independentes e ignorando as críticas e alertas de comunidades afectadas e movementos ecoloxistas”.

Actuación escandalosa

Por outro lado, Ana Miranda cualificou como “actuación escandalosa” que a Xunta de Galiza utilice o seu letrado para defender aos funcionarios e cargos públicos imputados en relación coa súa actuación na explotación de estaño e volframio de San Finx no caso do proceso xudicial do Xulgado de Noia iniciado en decembro de 2019, que investiga presuntos delitos de falsidade en documento público, prevaricación ambiental e delito ecolóxico.

“Coincidimos cos colectivos ecoloxistas en que existen intereses contrapostos entre a Xunta, que debería primar a defensa da legalidade ambiental e a protección do ambiente, e os funcionarios e investigados por estas actuacións”, afirmou Miranda, quen sostén que o lexítimo é que estiveran representados por profesionais privados. Presuntamente eses funcionarios e cargos investigados levaban desde 2017 achegando información falsa aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en particular á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e ao Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU.

Solicitude de misión á Eurocámara

Neste sentido, Ana Miranda lembrou que o ano pasado, o BNG solicitou á Comisión de Peticións da Eurocámara, -a través da súa vicepresidenta, do grupo Verdes-Ale-, que envíe unha misión oficial (Fact Finding Visit) para realizar unha investigación das diversas denuncias galegas contra a megaminería contaminante que se tramitan no Parlamento Europeo. Esta misión oficial ten por obxectivo coñecer in situ as súas instalacións, así como as consecuencias da posible reapertura desta mina aberta a ceo aberto tanto desde o punto de vista medioambiental como desde o punto de vista económico e social.

Segundo a portavoz do BNG en Europa o impacto de proxectos como a Mina de Touro e a de San Finx incumpren tres directivas europeas, como son a Directiva Marco da Auga, pola contaminación que provoca nos ríos próximos á mina e na ría de Arousa e Muros-Noia; a Directiva de Información Ambiental, en tanto que non houbo posibilidade de acceder aos informes de xeito transparente; e a Directiva de Tratamento dos Residuos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG