O goberno de Feixoo non dá explicacións polo baleirado dos encoros por parte das eléctricas

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas pide ao PP que, “se ten a conciencia tranquila”, apoie a comisión de investigación que o Bloque levará ao próximo pleno do Parlamento

“Non só non da explicacións pola parte que lle compete á Xunta no baleirado dos encoros, senón que, por riba, vén aquí a confirmar algo tan grave como que isto afectou á prevención e extinción de incendios, pero que podemos estar tranquilos e tranquilas no resto do mes porque chove, non porque a Xunta actúe. Gravísimo”. Con esta contundencia censurou a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, a resposta da conselleira de Medio Ambiente no Parlamento galego a unha pregunta do BNG sobre a actuación do Goberno galego ante o drástico baleirado dos encoros galegos por parte das compañías eléctricas.

Logo de reprobar que o Executivo de Feixóo non asuma as súas responsabilidades e se limite a cruzar acusacións co Goberno estatal para que “non cambie nada e as eléctricas sigan facendo o mesmo”, Presas criticou á titular da consellería por non dar “explicacións de porque tardaron en incoar sancións, por certo ridículas, porque somos vítimas dos seus cambios lexislativos en favor das grandes empresas, nin tampouco porque non actuaron sabendo que isto ía acontecer”.

De igual xeito, a deputada nacionalista afeou á conselleira que mantivera que este tipo de feitos non se deran nunca no país. “Infórmese un pouco porque os seus colegas de Iberdrola xa foron sancionados en 2012 por facer isto na bacía do Sil”, reprochou para engadir a continuación que “xa non se sabe que é peor, que ignoren a realidade ou que mintan e manipulen en favor dos seus amigos de Iberdrola”.

A portavoz de Enerxía tamén cuestionou a suposta dilixencia e actuación de oficio esgrimida pola conselleira neste ámbito de actuación: “daquela é que no encoro das Conchas é a primeira vez que hai baleirado e cianobacterias? Non, pasa todos os veráns e vostedes non actúan”, denunciou para a continuación advertir que mesmo “alcaldías do PP dun lado do encoro permiten o baño e doutro non porque nin sequera Augas de Galiza actúa como debe en prol da saúde pública”.

Na súa intervención, Presas recordou que os encoros de Portomarín ou As Conchas se atopan no limiar do 30%, “menos da metade que hai un ano”, e o das Portas, nun 14,74%, “cinco veces menos que hai un ano”, un baleirado sen precedentes co que as eléctricas especulan “cun prezo da enerxía que hoxe volve bater récord histórico”. A deputada nacionalista recalcou que, neste contexto, o Goberno Feixóo “non fixo nada”, pese a que si sabía que se ía proceder ao baleirado.

“Puxeron en risco o medio ambiente, actividades socioeconómicas e mesmo a intervención dos medios de extinción de incendios por ter un ariete co que facer campaña no lugar de gobernar”, censurou logo de apuntar á necesidade de depurar responsabilidades. “Se vostedes teñen a conciencia tranquila, comprométanse a apoiar a comisión de investigación que vai traer o BNG ao próximo pleno”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG