A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre o destino de fondos europeos, Next Generation no sector do mar, a portavoz en materia de pesca do BNG, Rosana Pérez recriminou á secretaria Xeral, Silvia Cortiñas eludir responder ás preguntas formuladas e dedicar a súa intervención a criticar “as propostas nacionalistas para a reactivación económica das rías” recollidas no documento, “Xerar futuro, Galiza Next”, presentado publicamente pola portavoz nacional, Ana Pontón cun investimento de 1.096M€ para o sector a cargo dos fondos europeos de recuperación económica.
O goberno elude responder e escapa das súas responsabilidades
A parlamentaria afirmou que despois de meses de anuncios non existe “concreción” dos proxectos e denunciou a “opacidade, escurantismo e nula información” do goberno ás forzas políticas da Cámara galega.
Para a nacionalista, o goberno e nomeadamente, a consellería do Mar “escapan “das súas responsabilidades” e utilizan de escusa a falta de tempo na Comisión parlamentaria para explicar “un gran número, segundo vostedes, de proxectos”. O que queremos saber, reiterou Rosana Pérez é cantos proxectos e que aplicación terán no sector do mar para a súa recuperación económica.
Da amálgama de declaracións dos distintos representantes do goberno galego, a comezar polo seu presidente, remarcou a deputada do BNG, a día de hoxe podemos deducir que os proxectos que se barallan “non son froito dun proceso de debate social” e teñen moi pouco a ver co fortalecemento dos sectores produtivos básicos. Neste contexto de pandemia, Galiza precisa contar con investimentos públicos para facer fronte ás gravísimas consecuencias do impacto da crise sanitaria e económica por mor da COVID, por iso, dixo, é moi importante que aproveitemos os fondos europeos para paliar ás graves consecuencias económicas de desemprego e peche de empresas, á difícil situación demográfica pola que atravesamos e á defensa dos nosos sectores produtivos e dos recursos naturais, xunto coa adaptación á transición ecolóxica.
Un dos sectores produtivos de máis relevancia en Galiza, tanto económica como socialmente, é o sector do mar. Un sector que dende hai anos vén enfrontando múltiples e graves problemas e que a día de hoxe continúa a ter “unha grande potencialidade totalmente desaproveitada dende a administración galega”, engadiu Rosana Pérez.
A Consellaría do Mar publicou “vagos enunciados de proxectos relacionados co sector” que non contribúen a acertar co que realmente se está propoñendo: “desenvolvemento sostíbel da produción e comercialización ligada á economía azul”, “ “adaptación das infraestruturas portuarias aos obxectivos de crecemento sostíbel”, “desenvolvemento de propostas en eidos como o industrial, as enerxías renovábeis e a transición enerxética”, etc.
Tampouco outras consellarías con plena incidencia no sector do mar como a Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a de Infraestruturas e Mobilidade, de quen depende o organismo Augas de Galiza, “teñen feito público moitas máis concrecións”. O único que si é “nítido” dos proxectos candidatables aos fondos europeos é a presenza de grandes empresas, enerxéticas, da automoción, téxtiles, etc, pero “nada do sector do mar nin con que criterios”.
Por outra banda, Rosana Pérez lembrou que os antecedentes son pouco alentadores tendo en conta que os distintos fondos europeos recibidos no período 2014-2020 non foron empregados para cumprir os obxectivos marcados polo goberno galego no Plan Estratéxico de Galiza 2015-20, onde se aspiraba a un importante despegue económico. Ademais, a execución administrativa e política por parte da Xunta de Galiza deses fondos “é claramente insuficiente”, concluíu.