O BNG considera que o Estado volve discriminar Galiza coa exclusión do corredor atlántico de mercadorías da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), da que non formará parte ata 2027 co que iso implica de perda de investimentos e de tempo na modernización da rede ferroviaria galega. Si entra no presente período de execución deste macro plan de infraestruturas o corredor mediterráneo.
“Non é a primeira vez que Galiza queda discriminada polo Estado cando se trata de infraestruturas vitais para o país, xa pasou con Porto de Vigo que no conseguiu a categoría de porto nodal na RTE-T e quedou relegado ao pelotón de portos de segundo nivel, perdendo investimentos a favor doutros competidores”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen lembrou o “triste papel” xogado polo PP e polo PSOE na Eurocámara, onde o BNG denunciou o trato discriminatorio co porto vigués.
Á marxinación de Galiza por parte do Estado súmase a persistencia de Feijóo en supeditar os intereses do país aos do PP. “A combinación dun Goberno central que nos discrimina e dun Feijóo submiso aos ditados de Rajoy é letal para os intereses dos galegos e das galegas, cada día temos un novo exemplo e cada día a factura en termos de oportunidades, de recuperación económica e de creación de emprego é máis longa e custosa”, denuncia a portavoz do Bloque.
No caso do Ministerio de Fomento chove sobre mollado, e en materia ferroviaria ademais da exclusión do corredor atlántico de mercadorías hai que sumar a falta de orzamentos e prazos para modernizar unha rede ferroviaria obsoleta no interior do país, con exemplos decimonónicos como a liña Ferrol-A Coruña ou a do norte desde Ferrol a Ribadeo. Igualmente a esperada e sempre aprazada saída ferroviaria sur de Vigo para completar dunha vez por todas o eixo desde Ferrol ata Porto.
Pontón avanza que o BNG vai levar este asunto tanto ao Parlamento galego como a Eurocámara e pregunta a Feijóo que fixo co mandato unánime da Cámara do pasado mes de xullo que, a proposta da formación nacionalista, aprobaba instar ao Goberno central “a realizar as xestións oportunas ante a UE para que, na revisión do regulamento do mecanismo Conectar Europa en 2018, Galicia e as comunidades do norte de España e a Rexión Norte de Portugal queden conectadas ao Corredor Atlántico, configurando unha verdadeira rede de mercadorías por ferrocarril que desde a fachada atlántica comunique co resto de Europa”.
“Supoño que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, fixo con este mandato o mesmo que coa Lei de transferencia da AP9 aprobada por unanimidade, pero xa está Feijóo para xustificar o inxustificable, a ver canto tarda en encontrar unha escusa para esta nova discriminación”, criticou Pontón, quen salientou como contrapunto que hoxe mesmo o Goberno extremeño promovía unha mobilización social en defensa da modernización do seu transporte ferroviario, e o valenciano facía outro tanto para reclamar un modelo de financiamento acorde aos seus intereses.
“Aquí soportamos trens do XIX e un sistema de financiamento que nos resta 3.500M€ anuais, pero temos a Feijóo instalado no si bwuana a Rajoy”, concluíu.