Galiza, pior que o Estado en materia de emprego

Máis unha vez, confírmase que en materia de emprego a crise é máis profunda en Galiza que no Estado. Os últimos dados disponíbeis, os correspondentes a Maio, revelan que o desemprego desceu máis no Estado que na Galiza. En España baixou o paro o 0,63 por cento (30.113). En Galiza só o 0,37 por cento (1.036).

Se o paro descese en Galiza en Maio ao mesmo ritmo que no Estado, 700 galegas e galegos terían atopado traballo.

En termos inter-anuais, o paro incrementouse en Galiza no 15,25 por cento, fronte ao 12,52 por cento do Estado.

Este Maio, ben pior que o de 2011

Maio adoita ser un mes de criación de emprego, pola súa estacionalidade. Mas este Maio é ben pior que o de 2011. Hai un ano, o paro caía en Galiza o 1,90 por cento. Desta volta só o 0,37 por cento.

No que atinxe ao número de afiliadas e afiliados á Seguranza Social, máis do mesmo: levísimo incremento en Galiza (só un 0,02 por cento), inferior ao do Estado (o 0,47 por cento). Poñéndolle díxitos: só se incorporaron ás listaxes da Seguranza Social 170 persoas en Galiza e temos neste momento menos de 1 millón de afiliad@s (943.703).

Jorquera salienta que sen unha nova política industrial non será posíbel voltar a criar emprego

A avaliación destes dados por parte do BNG non se fixo agardar. Desde San Cibrao, o candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, salientou que sen unha nova política industrial non será posíbel reatar a senda do crecimento económico e, consecuentemente, non será posíbel voltar a criar emprego de calidade.

“Os dados de Maio son peores que na media do Estado e demostran o fracaso da política de recortes do goberno de Feijoo e a súa falta dunha politica industrial”, valoriza Jorquera.

O tamén portavoz do BNG no Congreso lembrou que “o mes de Maio adoita ser mellor polo efecto estacional do inicio da tempada turística”. Porén, advertiu de que os datos deste ano “son no conxunto do Estado moi inferiores aos do ano pasado tanto na creación de postos de traballo como no número de afiliacións á seguridade social”.

“E se no conxunto do Estado os datos son malos, en Galiza son bastante peores”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG