Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denunciou públicamente nesta mañá a visita de Juan Carlos I á Galiza ante o anuncio de que o rei emérito estará este fin de semana na localidade de Sanxenxo.
Tal e como expresou Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, “rexeitamos a visita de Juan Carlos I, o rei fuxido, ao noso país” sinalou. “queremos manifestar o noso profundo rexeitamento a que esta visita quede impune e pase coa complicidade do goberno do Estado, de PSOE e Unidas Podemos e tamén co beneplácito do Partido Popular” expresou Gómez.
“Todos os sucesos que rodean a figura do rei emérito non fan máis que demostrar que a monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo” expresou a nacionalista. “As mozas e mozos galegos queremos desenvolver os nosos proxectos de vida no noso país, con empregos dignos, con servizos públcios de calidade e lonxe do réxime anacrónico e perpetuador da dependencia da nosa nación do Estado español, que representa a monarquía” dixo a Secretaria Xeral de Galiza Nova.
“Galiza non ten rei” sinalou rotudamente Marta Gómez. “Rexeitamos a monarquía por ser un réxime inxusto, que fai prevalecer os privilexios por nacemento dunha familia e que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español” expresou. “Temos claro que a única vía para acadar os nosos dereitos e poder desenvolver plenamente os nosos dereitos de vida é traballar pola conquista dunha República Galega” afirmou.