Galiza Nova rexeita, máis unha vez, a visita de Juan Carlos I a Galiza

Protesta Sanxenxo
Protesta Sanxenxo

Marta Gómez, Secretaria Xeral da Organización: “Rexeitaremos sempre a presenza da monarquía española, máis aínda cando se trata dun rei corrupto e fuxido da xustiza”

Sanxenxo, 28 de setembro de 2023.- A organización xuvenil do BNG volve manifestar o seu descontento ante unha nova visita do Rei Juan Carlos I en Galiza.

Esta é a cuarta visita que realiza dende que marchou do Estado español fuxindo da xustiza e é a cuarta vez, en consecuencia, que as mozas nacionalistas non a deixan pasar sen resposta. Desta volta e dun xeito máis visual, a organización decidiu levar a cabo unha acción “para que as rúas de Sanxenxo deixen claro que Galiza non ten rei” na mañá do día que ten previsto saír navegar.

“É unha vergoña que as visitas do rei emérito xa sexan algo completamente normalizado” denuncia Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, “dende a primeira visita no 2022 houbo unha total impunidade por parte dos gobernos tanto estatal como galego e, aínda que non sorprende, si que é un motivo máis de rexeitamento” sinalou.

Protesta Sanxenxo
Protesta Sanxenxo

A organización xuvenil denuncia que “a monarquía é a maior demostración do españolismo que ataca á nosa nación” e, tal e como explica Gómez “non ten cabida no noso país, non vai pasar sen resposta en ningunha das ocasións ata que Juan Carlos I sexa xulgado polos seus delitos”.

A secretaria xeral da organización denuncia tamén que “a monarquía española é a maior representación da dependencia da nosa nación do Estado español e como demostración este fin de semana estará representada no foro “La Toja” que deturpa os topónimos na nosa lingua”.

A organización xuvenil do BNG anuncia que seguirán denunciando as visitas do rei emérito sempre que se sigan repetindo, “con accións, con declaracións públicas, nas nosas redes sociais e coa convocatoria de mobilizacións cando sexa necesario, pois non podemos permitir a impunidade e a complicidade do goberno”.

Nas súas declaracións, Gómez sentenciou claramente que “Galiza non ten rei e o noso obxectivo é, e será sempre a República Galega”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG