En relación á posta en marcha dunha universidade privada auspiciada por ABANCA, a viceportavoz parlamentaria expresou a “preocupación” do BNG pola decisión da Xunta de continuar con ese proxecto despois de que as tres universidades públicas, a través dos seus reitores, manifestaran o seu rexeitamento a este proxecto no Consello Galego de Universidades.
“Suporía grandes distorsións e duplicidades no Sistema Universitario Galego e prexudicaría ás tres universidades públicas que levan anos soportando recortes e restricións orzamentarias e duras decisións políticas da Xunta que as obrigan a introducir mudanzas no mapa de titulacións sen apoio económico”, explicou Rodil.
Semella que o PP “ten máis vontade por facilitar os desexos de ABANCA que por escoitar e defender os dereitos e intereses das universidades públicas do noso país”, criticou, para instar ao Goberno de Feixóo “a non pregarse” aos intereses dunha entidade financeira privada, que escoite a comunidade universitaria galega e defenda o sistema público de universidades.