Francisco Jorquera e Carlos Aymerich mobilízanse en Corcoesto

O BNG apoia a mobilización convocada polos veciños e veciñas de Cereo e Valenza, e respaldará asímesmo todas as mobilizacións que se convoquen para frear esta barbarie

O BNG apoia a mobilización convocada para as 6 da tarde de hoxe pola veciñanza de Cereo e Valenza, que saírá da rotonda do Carrefour e rematará diante da casa do concello de Coristanco. Estarán presentes o Portavoz do BNG no Parlamento Galego, Francisco Jorquera, e o tamén deputado Carlos Aymerich, xunto con cargos orgánicos e institucionais do BNG de Bergantiños e A Costa da Morte.

O BNG lamenta o apoio do Partido Popular a un proxecto que supón colocar unha auténtica “bomba de reloxería” a escasos metros do esteiro do río Anllóns, a principal fonte de vida da comarca. O goberno da Xunta, nunha atitude propia doutros tempos, entrega a prezo de saldo a unha multinacional canadiana a expoliación dos seus recursos, coa complicidade dos gobernos municipais do PP, activos defensores desta auténtica barbaridade. A posíbel creación duns poucos postos de traballo durante un reducido periodo de tempo non pode xustificar esta explotación a ceo aberto e con utilización de cianuro. Están a xogar coa miseria da xente, nunha comarca cunhas elevadísimas taxas de desemprego, froito das desastrosas políticas do Partido Popular.

Non podemos consentir que se permita a expoliación dos nosos recursos a unha multinacional canadiense, para extraer o ouro coa única finalidade de especular na bolsa de Toronto. Trátase dunha explotación altamente contaminante e perigosa, que ademais non vai producir absolutamente nada, pois só vai extraer o ouro para especular con el. Por iso o BNG apoia firmemente esta mobilización, e respaldará do mesmo xeito todas as que se convoquen coa finalidade de frear esta barbarie e este expolio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG