O candidato ao Congreso dos Deputados, Francisco García, estivo no Barco de Valdeorras nun encontro con veciñas e veciños do concello. Tamén interviñeron Jesus Vilasánchez, voceiro municipal na vila, Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza; e Roberto Quiroga, candidato ao Senado e veciño da comarca de Valdeorras.
Nun primeiro momento, o candidato ao Congreso reivindicou a inxustiza que sofre a xente de Valdeorras “que teñen que desprazarse até Oviedo para recibir tratamento e coidados para a silicose” posto que é o centro de referencia para esta comarca. O Barco, debido ás explotacións de pizarra que hai na comarca, é unha das zonas máis afectadas por esta enfermidade. “O 80% dos casos de silicose son diagnosticados en Galiza e gran parte desa porcentaxe provén de Valdeorras” afirmou o candidato do BNG ao Congreso dos Deputados.
“Precisamos vertebrar o noso territorio. Precisamos que Valdeorras se poida comunicar co resto de Ourense e o país” sinalou Francisco García. Asemade, destacou que cando chegue a Madrid, unha das primeiras medidas será o arranxo da N-120 que conecta a comarca de Valdeorras coa capitalidade de provincia. “Non pode ser que as conexións da comarca de Valdeorras aínda non se levaran a cabo. “A comarca tamén precisa dunha conexión de autobús con A Gudiña para poder acceder ao AVE cando chegue” apuntou García.
“Temos que comezar a reforzar a nosa autoestima de ser, de estar e de vivir no Barco. En segundo lugar, promover o patrimonio local, unha aposta clara polo sector vitivinícola de tal xeito que O Barco se converta no berce da produción de godello”, explicou García.
Propostas do sector vitivinícola
Nunha anterior reunión co sector vitivinícola da comarca, o candidato, acompañado da deputada no Parlamento de Galiza, Noa Presas, fixo fincapé no apoio aos sectores produtivos do concello de Valdeorras e da comarca. “Temos que garantir rendas para os produtores e que no censo catastral apareza reflectida a realidade das explotacións vitivinícolas” prometeu García. Pola súa banda, a deputada, Noa Presas, explicou que durante este mandato no Parlamento presentaran iniciativas neste eido e para a comarca de Valdeorras e lle volverán a lembrar á Conselleira o que prometeu no seu momento: “unha nova cota para asegurar as explotacións vitivinícolas e que non volva a acontecer a pedrada de hai tres anos”.
Con voz propia para Valdeorras
“Moita xente botou de menos ao BNG en Madrid, mesmo deputados doutras formacións, defendendo os intereses do país, con independencia de a quen votasen, pero que saben da importancia de ter voz propia no Congreso”, argumentou García. “Nun escenario sen maiorías absolutas cada deputado é decisivo. Para que o 10 de novembro non vexamos con envexa o que conseguen outros territorios, temos que facernos valer da man do BNG con representación en Madrid”, recalcou o candidato.