A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e a deputada no Parlamento Galego Carme Adán, acompañadas da concelleira do BNG en Redondela, Cecilia Pérez Orxe, mantiveron esta mañá unha reunión coa plataforma de Chapela contra a ampliación de Rande. Alí manifestáronlles o seu apoio e anunciaron que o BNG continuará traballando no Congreso e no Parlamento para paralizar esta actuación. Tamén neste contexto, as deputadas nacionalistas anunciaron a súa oposición ao acordo de Audasa para rebaixar a peaxe só a aquelas persoas con aparato no tramo Vigo-Pontevedra.
Para o BNG, tal e como explicou a portavoz no Congreso, o máis grave da decisión é que se vai financiar cun incremento de todos os demais tramos para todos os demais usuarios e usuarias. Estamos ante unha enxeñería tramposa da ministra de Fomento, unha tomadura de pelo.
O único que fixo a ministra foi cargar sobre os usuarios unha redución que vai recaer sobre os usuarios, continuou, isto é inasumíbel, sobre todo tendo en conta que Audasa está tendo moitos beneficios.
Se hai que facer rebaixas ou obras ten que ser a conta de Audasa, afirmaron as deputadas do BNG, non con cargo aos usuarios e usuarias para garantirlle beneficios á empresa.
Ampliación de Rande
Tal e como lles explicaron os membros da plataforma, a parroquia de Chapela resultará moi afectada porque nesa zona están o colexio, o instituto, o centro de saúde, deste xeito, as obras, tal e como explica Fernández Davila, van xerar inseguridade viaria e tamén nas vivendas que quedarán a rente da autopista.
O BNG quer que o Goberno explique as razóns desta ampliación e por que ten que continuar dende o quilómetro 150 até a saída de Vigo xa que, tal e como insiste a deputada no Congreso, neste tramo non hai saída ningunha e só vai xerar un caos circulatorio, é un proxecto que non ten sentido
Olaia Fernández Davila e Carme Adán enfatizaron que ten que haber alternativas á ampliación da ponte de Rande, alternativas que pasarían pola A-57.