O BNG abre o novo curso parlamentario priorizando o debate sobre a situación do deterioro da sanidade pública tras unha década de recortes do PP, e despois do falecemento dun doente na sala de espera dun centro de saúde da Estrada pola falta de persoal médico. Tras o veto dos populares á comparecencia do conselleiro de Sanidade, o Bloque utilizará a sesión de control ao presidente da Xunta para pedir explicacións ao xefe do Executivo e reclamar un cambio de rumbo nun servizo básico que debe garantir o dereito á saúde.
“Feixóo ten que preguntarse que clase de política sanitaria está facendo o PP cando unha persoa morre nos corredores dun centro de saúde en Galiza en pleno ano 2018 porque non hai ningún médic@ que a atenda”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a Xunta de portavoces, ao tempo que avanzaba que o BNG proporá recuperar as cifras orzamentarias anteriores aos recortes e un plan de investimentos urxente de 234 millóns de euros destinado basicamente á atención primaria.
“Os recortes suman unha perda de 2.000 M€ só na atención primaria, a saída de 3.000 profesionais do sistema público, falta de planificación de pediatras que está deixando sen atención especialidade a moitos nenos e nenas e doentes sen acceso os tratamentos que precisan porque non poden pagalos”, denunciou Pontón.
Por iso, o Bloque considera “urxente” acabar cuns recortes e contrarreformas que están minando un dos pilares básicos do estado de benestar e atentan contra o dereito á saúde das persoas. Ademais do plan de investimento para atención primaria, a formación nacionalista pide que se incremente o persoal sanitario para evitar a saturación das cartillas, a renovación do 100% tanto das baixas como das vacantes, equipas completas nos PACs e un plan de formación adaptado ás necesidades do SERGAS.
A situación de “secuestro e manipulación” da radio e da televisión públicas será tamén abordada polo BNG no vindeiro pleno, onde pedirá a reprobación do director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como máximo responsable de converter o ente nun aparato de propaganda ao servizo do PP e de Feixóo. Manipulación e control á maior gloria do presidente da Xunta á que se suma a represión “abrindo expedientes” ao persoal que denuncia esta situación, que xa ten provocado a dimisión de un presentador e unha presentadora dos informativos da TVG. “É unha cuestión de saúde democrática”, sinalou Pontón.
Igualmente, o Bloque solicitará a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente no porto de Vigo durante a celebración do festival do Marisquiño, no que resultaron feridas máis de 400 persoas. “PP e PSOE teñen que abandonar a pinza da ocultación para evitar que se investiguen as causas dun feito tan grave e dar a cara”, reclamou a dirixente nacionalista.
Conselleir@s en modo candidat@s
A preguntas dos medios, Pontón considera que Feixóo está facendo un “uso partidista” da Xunta cando mantén nos seus cargos ao conselleiro de Asuntos Sociais e a conselleira de Medio Ambiente, pese a que exercen xa como candidato á Alcaldía de Ferrol e como candidata á Alcaldía da Coruña.
“Están cobrando como conselleiro e conselleira pero na práctica xa actúan como candidat@”, denuncia a portavoz do Bloque, quen tamén considera que ninguén relevo vai mudar o feito de que Galiza ten un presidente “cansado e sen iniciativa política”. En todo caso, “por hixiene democrática o lóxico sería que os candidatos do PP non os financiemos con cargo aos orzamentos da Xunta, e este país ten suficientes problemas como para ter cargos do Goberno que están preocupados por marcar a súa folla de ruta electoral”.
“Pero o señor Feixóo ten o listón ético tan baixo que non lle importa converter a Xunta de Galiza no gabinete de precampaña do PP”.