Feijoo quere eliminar a figura do Valedor do Pobo para silenciar as críticas

A portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón acusou hoxe ao Partido popular de utilizar escusas e minguar a capacidade da institución do Valedor do Pobo para “xustificar a súa definitiva desaparición”.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, trala xuntanza do grupo parlamentar nacionalista, Pontón reclamou a “remuda” desta figura antes do remate do período de sesións e denunciou que o Partido popular tenta modificar a lei da institución para “adiar o nomeamento do novo Valedor “.

"Coa crise económica aumentará o número de denuncias e o PP quer silencialas” ao igual que está a facer cos dereitos dos cidadáns noutros ámbitos.

Sobre as recentes declaracións do Presidente da Xunta, realizadas en Madrid, nas que considerou conveniente a desaparición da institución do Valedor do Pobo, Pontón cualificounas de “desafortunadas” polo que pediu a súa rectificación.

Feijoo non explica os recortes no Parlamento

Por outra parte, a parlamentar acusou hoxe ao Presidente da Xunta de Galiza de “colaborar coa política recentralizadora” no Consello de Política Fiscal por modificar a lei de orzamentos aprobada no Parlamento galego “sen explicar esta modificación nin os novos recortes”.

Pontón explicou que foi “ a través dun documento do Ministerio” como coñecemos os recortes que se aplicarán en sanidade, educación e medidas destinadas a activar a economía galega e afirmou que, un Goberno solvente é o que resolve os problemas dos cidadáns, hoxe Galiza, sentenciou, conta con “máis recesión, máis desigualdades e menos emprego”.

O PP destrúe emprego e incrementa a débeda pública

Neste sentido indicou que, tras tres anos de Goberno do PP na Xunta de Galiza, “hai máis listas de espera na sanidade, menos profesorado e menos servizos públicos” e preguntou cál é o logro de Feijoo se “no ano 2005 cumpríronse os obxectivos, no 2006 houbo un superávit de 75 millóns de euros, no 2007, 100 millóns e no 2008 o obxectivo situábase no 0,75 acadando Galiza o 0,37”.

Estes datos non se corresponden dixo, coa débeda pública orixinada polo Partido popular “ no ano 2009 triplicada e na actualidade 8.000 millóns de euros”.

Baixa execución orzamentaria

Pontón tamén responsabilizou ao Presidente da Xunta do baixo nivel de execución orzamentario no ano 2011 do que 1.292 millóns de euros pertencen as consellerías relacionadas coas políticas de reactivación económica, “Economía e Industria non executou o 40%, 167 millóns de euros”.

A portavoz do grupo parlamentar do BNG concluíu afirmando que as consellerías máis implicadas coa xeración de emprego e a reactivación económica están “nunha folga de brazos caídos para non executar os orzamentos”.

http://youtu.be/PykbT53P2rI

http://youtu.be/ToiHa-UiFpI

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG