Ramiro Rodríguez, deputado provincial do BNG e Noa Presas, membro da Executiva Nacional compareceron para esixir ao PP a non demorar máis a toma de responsabilidades sobre Baltar diante da aceptación do pacto de Ciudadanos.
Onte a dirección estatal do PP acordou avalar a proposta de pacto de Ciudadanos, cuxas medidas terían repercusións en Ourense. Diante disto, o BNG compareceu para esixir responsabilidades e que o Partido Popular deixe de ignorar a situación do Presidente da Deputación de Ourense e aclare se o van apartar da Deputación.
Rodríguez recordou a situación de Baltar, imputado por tráfico de influencias e suborno, delitos que se consideran de corrupción política, sen matices e as reiteradas esixencias de responsabilidade que ten defendido o BNG. Presas remarcou que ten acontecido con pactos entre partidos, compromisos éticos ou acordos dos plenos que as palabras do PP fican en papel mollado. Nós entendemos que non hai interpretación posíbel e Feijoo debe aclarar se vai apartar a Baltar ao aceptar o pacto de Ciudadanos ou vai ser un engano máis.
Presas indicou que para o BNG a estratexia estatal do PP non pode ser unha cortina de fume en canto non se celebran as eleccións galegas, o honesto politicamente sería aclarar a posición e se están dispostos a tomar medidas.
Ademais, a aceptación do pacto suporía o inicio doutros cambios a nivel de lexislación electoral que afectarían a Ourense e á súa representación democrática Ourense perdería un escano e sobre isto tamén reclamamos saber a opinión da que foi primeira forza política nas xerais de 2016 e saber se acatarán o que Madrid decida sobre isto.