Feijóo debe aclarar se está a favor da venda de NCG Banco ou negociando por detrás

Intervención da deputada Carme Adán

Francisco Jorquera preguntará ao Presidente da Xunta se pensa facer algo para evitar o “espolio do aforro galego” ante a liquidación de NCG Banco

O portavoz do Grupo Parlamentario do BNG, Francisco Jorquera anunciou, hoxe ante os medios de comunicación, que o vindeiro mércores preguntará en sesión plenaria ao Presidente da Xunta, “se está a favor da venda de NCG Banco ou negociando por detrás”.

Na súa comparecencia, acompañado da deputada do BNG, Carme Adán, Francisco Jorquera acusou ao Partido popular de meter no “conxelador” a comisión de investigación das caixas de aforro e evitar desa maneira, a “sentencia de morte” das antigas caixas.

O Partido popular, dixo, impediu que a comisión puidera extraer algunha conclusión “práctica e operativa” sobre o futuro do sector financeiro galego e anunciou que na vindeira sesión plenaria, na quenda de preguntas ao presidente, o BNG interpelará a Feijóo sobre si pensa facer algo polo aforro galego.

O nacionalista cualificou de “tomadura de pelo” á sociedade galega a a posición do Partido popular na comisión na que xustificou a venda de Nova Galicia Banco defendendo o dereito dos contribuíntes a recuperar os cartos investidos para o saneamento da entidade, o PP afirmou, quere “tomarnos por tontos”.

Neste sentido, incidiu en que foron 9.000 millóns de euros os destinados para sanear a entidade co fin de obter beneficios sumando a maiores a “quita das persoas estafadas polas preferentes” para que finalmente a entidade sexa vendida a “prezo de saldo”.

Jorquera tamén considerou que a venda de Nova Galicia Banco é un síntoma alarmante dos problemas e situación que está a vivir Galiza polo impacto da crise, “Bankia non vai ser vendida porque para o Goberno español ten un carácter sistémico” carácter, criticou non é igual para a entidade galega, o Goberno non a considera sistémica para Galiza.

Para o portavoz nacionalista, Galiza debe ser Soberana para que ninguén decida “por nós” e fixo un chamamento á cidadanía galega a participar na manifestación convocada polo BNG para o vindeiro domingo día 15 en Compostela contra as políticas regresivas do Partido popular e o espolio do aforro galego.

O BNG considera inconclusa a investigación das caixas galegas

Pola súa parte, Carme Adán asegurou que a comisión de investigación das caixas demostrou como o Partido popular pretende “reducir ao absurdo” o Parlamento galego e lembrou que durante dúas semanas o formato das comparecencias non permitiron transmitir á cidadanía o traballo parlamentar, “o Partido popular, explicou, empeñouse en concentrar as comparecencias da mañá a noite para dificultar o traballo dos propios medios de comunicación”.

Tras rematar o período de comparecencias, o BNG, afirmou, remitiu varios escritos á Mesa do Parlamento solicitando a presenza na comisión da ex-conselleira de Facenda, Marta Currás, o ex-gobernador do Banco de España, Miguel Angel Fernández Ordoñez e o Comisario da U.Europea, Joaquín Almunia por considerar que un simple cuestionario escrito non aportaba todas as respostas necesarias sobre o acontecido nas caixas.

Adán concluíu mostrando a “desconformidade” do BNG ante a ausencia de resposta dos escritos remitidos á Mesa da comisión das Caixas e de solicitude de amparo á Mesa do Parlamento ao fin de materializar as comparecencias reclamadas por esta forza política.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG