Feijóo comparecerá no Parlamento e o BNG pedirá a súa dimisión

O PP supedita a comparecencia de Feijóo á renuncia dos grupos da oposición para formular preguntas ao Presidente na sesión de control.O BNG reclamou as explicacións de Feióo sobre as fotos e a súa dimisión

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera amosou a “súa indignación”, polo que considerou “unha imposición do Partido popular” ao supeditar á comparecencia de Feijóo á renuncia dos grupos da oposición de formular as preguntas da sesión de control.

O BNG ratificase na petición de dimisión de Feijóo

Para o deputado, a estreita relación do Presidente da Xunta cun coñecido capo mafioso esixe “unha explicación” e a dimisión inmediata por incorrer e despois negar este “grave feito”.

O nacionalista afirmou, ante os medios de comunicación trala Xunta de portavoces celebrada hoxe no Parlamento galego, que o acontecido na Xunta de portavoces foi “un auténtico exercicio de surrealismo” en alusión ao punto de comparecencias.

Sobre esta cuestión explicou que o BNG, AGE e PSdeG solicitaron a comparecencia de Núñez Feijóo para dar conta da súa relación no pasado cun coñecido “capo mafioso do narcotráfico” en Galiza, petición ao que o PP se opuxo argumentando que non tiña sentido comparecer para falar dunhas fotos feitas hai 20 anos e que pertencían aos “seus espazos de ocio e lecer”.

Feijóo utiliza o Parlamento como plató de Tv

Jorquera lembrou que Feijóo na súa comparecencia ante os medios de comunicación, no día de onte, e en diferentes entrevistas manifestou a súa disposición a dar explicacións ante esta Cámara se así o solicitaban os grupos parlamentarios, “comparecer no Parlamento galego non é facelo no recinto, dixo o nacionalista, nin utilizar este edificio como plató de televisión para unha rolda de prensa, comparecer é acudir ao pleno e someterse as interpelacións da oposición”.

O parlamentario do BNG reiterou a “súa sorpresa pola negativa do grupo popular a que Feijóo comparecese” e a presión do PP para que os portavoces do resto dos outros grupos renunciaran ás preguntas na sesión de control ao Presidente o vindeiro mércores.

Os plenos teñen a súa orde, explicou, textos lexislativos, mocións proposicións non de lei, Interpelacións e sesión de control ao Goberno, e non existe ningún precedente, “no que se supedite a sesión de control das preguntas a un presidente a unha comparecencia”.

 Quebradiza memoria de Núñez Feijóo

O nacionalista denunciou a estratexia do Partido popular para aceptar a comparecencia e anunciou que o BNG demandará “explicacións claras e diáfanas” da súa relación co capo mafioso así como a asunción de responsabilidades, “as explicación de Feijóo son unha tomadura de pelo aos cidadáns” e existen serios indicios de que está mentindo, reiterou.

Jorquera negou que as fotos publicadas foran requisadas xudicialmente como afirma o Presidente da Xunta e ironizou sobre “a quebradiza memoria” de Feijóo por non lembrar as viaxes realizadas a Andorra co capo da mafia do narcotráfico, Marcial Dorado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG